Oito orquestras actuarán nas festas patronais de Ribadeo

O xornalista ribadense Fabián Pérez pregoará os festexos na honra de Santa María do Campo, do 31 de agosto ao 8 de setembro

A comisión, xunto ao pregoeiro, Fabián Pérez. AXM

Oito orquestras animarán as festas patronais de Ribadeo, na honra de Santa María do Campo, e os festexos na honra de San Roque.

O 16 de agosto, venres, o programa da festividade de San Roque inclúe a saída dos Cocos e Cabezudos co grupo de gaitas Illa Pancha, a partir das 11.30 horas da mañá. Ás 12.30 haberá misa solemne e a continuación procesión e concerto da Banda Municipal de Música. Fénix e a discoteca móbil Blanco y Negro encargaranse da verbena.

Do 16 ao 22 de agosto celebrarase o Mercado Pirata no parque de San Francisco.

PREGÓN

O día 31, sábado, terá lugar o pregón das festas patronais de Ribadeo. Será no Teatro, ás 20.30 horas, a cargo de Fabián Pérez Rego. Este xornalista ribadense afincado en Madrid traballa como reporteiro no programa de televisión ‘Todo es mentira‘, de Cuatro. A continuación actuará a Coral Polifónica de Ribadeo.

DÍA INFANTIL

O 5 de setembro, xoves, será o Día Infantil. Ás 16.00 horas haberá teatro para as crianzas de tres a dez anos. Será a storytime ‘Around the world‘, pola Kids & Us School of English. Ás 16.30 horas, no parque Diverneno haberá inchables e festa da escuma. Pola noite, ás 22.30 horas, Os Satélites porá ritmo á verbena.

O 6 de setembro, venres, as orquestras Trébol e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a noite, desde as 22.30 horas.

FOGOS DO SETE

O sábado, día 7, grandes bombas de palenque anunciarán a véspera da Patroa. Ás 11.30 horas sairán os Cocos e os Cabezudos acompañados do grupo Amigos da Gaita. Pola noite, ás 22.30 horas, dará comezo a verbena, coas actuacións das orquestras Passarela e La Favorita. Ás 00.00 horas, no peirao, celebrarase unha nova sesión dos fogos artificiais do sete.

DÍA GRANDE

O día grande dos festexos na honra de Santa María do Campo será o 8 de setembro, día da Patroa. A misa (12.00 horas), cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo; a procesión, acompañada pola Banda Municipal de Música; e o concerto desta última formación protagonizarán a mañá.

Palladium e Television, desde as 22.30 horas, poñerán a bailar aos asistentes na verbena.

ACHEGAS

A comisión organizadora está estes días a repartir o libro das festas entre as ducias de firmas comerciais que a apoiou coas súas achegas económicas.

As persoas que queiran colaborar poden entregar as súas achegas no estanco Luxen, na tenda de roupa Mika e nas catro farmacias que hai na vila ribadense, ademais de persoalmente a calquera dos tres membros: Juan José Otero, Avelino Martínez e Marta Saiz.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here