IniciosociedadeA Mariña perdeu 658 habitantes no 2018, cos 16 concellos en saldo...

A Mariña perdeu 658 habitantes no 2018, cos 16 concellos en saldo vexetativo negativo

Un informe mostra un afianzamento da tendencia demográfica que afecta tamén a Burela, que no 2017 se coara entre os municipios galegos con máis nacementos que defuncións

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense segue a padecer unha sangría demográfica. Os 16 municipios da bisbarra presentaron a final do exercicio 2018 un saldo vexetativo negativo, cun total de 415 nacementos e 1.073 mortes, o que implica que morreron 658 mariñaos máis dos que naceron.

Así o confirma un informe da explotación do movemento natural da poboación presentado este mércores polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos apuntan un afianzamento da tendencia, pois no 2017 naceron na Mariña Lucense 435 persoas mentres que morreron un total de 1.035, para un saldo vexetativo de -600.

SÓ SETE DE 313 CONCELLOS GALEGOS GAÑAN POBOACIÓN

O mellor exemplo semella Burela. Se no 2017 era a única boa nova da comarca ao coarse entre os 14 municipios galegos que gozaban dunha balanza vexetativa positiva, cun saldo de +14 (90 nacidos por 76 falecidos), no 2018 non escapou á tendencia habitual, pois só hai sete concellos dos 313 de Galicia -Ames, Arteixo, Barbadás, Poio, O Porriño e Salceda de Caselas- que rexistraron máis nacementos ca defuncións a final do pasado exercicio. No pasado ano, o concello burelao rexistrou 83 nacementos por 85 defuncións.

AS VILAS, SEN REACCIÓN

As outras tres vilas mariñás amosan peores datos no tocante á perda de poboación. Viveiro, o municipio máis poboado da comarca, rexistrou no 2018 102 nacementos, por 246 defuncións (-144, por un saldo vexetativo de -136 no anterior exercicio); en Ribadeo naceron 63 persoas, mentres que morreron 137 (-63); Foz acolleu a 43 novos veciños, mentres que perdeu 109 (-66).

No Vicedo naceron tres persoas, mentres que faleceron 27 (-24); en Xove, o saldo vexetativo foi negativo en 38 habitantes (14 nacementos e 52 defuncións); Ourol gañou tres veciños, mentres que perdeu 24.

En Barreiros, a balanza é de -37 (18 nacementos por 55 mortes); no Valadouro, de -39 (oito nacidos por 47 falecidos); en Alfoz, de -38 (7 por 45); en Mondoñedo, de -64 (16 contra 80); en Lourenzá, de -22 (14 nacementos e 36 falecementos).

Tamén mostran un saldo vexetativo negativo Trabada (-14, con catro nacementos e 18 mortes), A Pontenova (-28, gañando oito veciños e perdendo 36) e Riotorto (-21, con catro nacementos e 25 defuncións).

En Alfoz o saldo vexetativo foi negativo en 15 habitantes con respecto a 2016 (con cinco nacementos e 20 mortes). En Barreiros, en 36, con 20 e 56; Cervo, houbo 28 mortes máis ca nacementos, 20 por 48; en Foz, 32, con 67 nacementos e 99 pasamentos; en Lourenzá, 38, con 13 e 51; en Mondoñedo, 68, con 11 e 79, esta última unha cifra significativa para un concello que rebasa por pouco os 3.600 habitantes.

Tamén rexistraron máis pasamentos ca nacementos Ourol, cun saldo vexetativo de -16 (con cinco partos e 21 defuncións); A Pontenova, con -31 (12 e 43); Ribadeo, con -58 (69 e 127); Riotorto, con -42 (cinco e 47); O Valadouro, con -43 (12 e 55); O Vicedo, con -23 (sete e 30); Xove, con -35 (18 e 53) e Trabada, con -13 (con cinco e 18).

MATRIMONIOS

No tocante aos matrimonios, houbo un en Alfoz; 41 en Burela e Foz; tres en Lourenzá e O Valadouro; dez en Mondoñedo; 15 en Cervo; un en Ourol; cinco no Vicedo e Trabada; 49 en Viveiro; oito en Xove; 13 en Barreiros; sete na Pontenova; 33 en Ribadeo; e catro en Riotorto.

GALICIA, TRINTA ANOS EN NÚMEROS VERMELLOS

O número de defuncións en Galicia no ano 2018 foi de 32.394, valor moi similar ao rexistrado no ano 2017. Por outra banda, o número de nacementos continúa o descenso iniciado no ano 2009 e situouse en 2018 en 16.561. Hai máis de 30 anos que a comunidade non presenta un saldo vexetativo positivo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...