A Festa Vintage de Foz sorteará 1.000 euros en vales de compra

O CCA focego organiza a cita os días 29 e 30 de xuño, con actuacións musicais e tapeo

Cartel da festa. AXM

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz celebrará os días 29 e 30 de xuño a quinta edición da súa Festa Vintage, que repartirá 1.000 euros en vales de compra. A actividade é outra das iniciativas do colectivo de empresarios focego para festexar o seu 30 aniversario. Concello, Xunta de Galicia, Radio Foz e a Federación de Comercio A Mariña (FCAM) colaboran no evento.

En concreto, O CCA sorteará dous vales por importe de 200 euros, un de 100 euros e outros dez por valor de 50 euros. Os clientes dos establecementos asociados recibirán as papeletas para participar no sorteo polas compras realizadas entre os días 22 e 30 de xuño. Os interesados deberán validar os seus boletos introducíndoos nas urnas que estarán situadas na Praza do Concello, desde as 17.00 horas.

A festa arrincará o vindeiro sábado, con música en directo na sesión vermú. A organización ofrece dúas opcións en senllos establecementos de hostalería; a cafetería Mayros acollerá a actuación de Contrabando e Xoyma ofrecerá o recital de Os Alcántara. Ás 20.30 horas actuará, na carpa situada fronte ao Concello, Sons Varadero, e ás 20.45 será o sorteo.

TAPEO VINTAGE

Outro dos alicientes da cita é o tapeo vintage, tanto o venres coma o sábado. Os locais de hostalería do CCA ofrecerán tapas a 1,5 euros, tanto a mediodía -entre as 13.00 e as 15.00 horas- como a partir das 20.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here