A plataforma asegura que A Mariña está sen pediatras “desde Burela a Ribadeo”

Critica que o Sergas só cubre parcialmente as vacacións da especialista en Foz, centro do que dependen O Valadouro e Alfoz, pero non en Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá e Ribadeo

Centro de saúde de Ribadeo. GOOGLE MAPS

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia que a bisbarra está “sen pediatras” desde Viveiro a Ribadeo por mor da “decisión do goberno da Xunta e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de non substituir aos especialistas en vacacións ou con calquera outro permiso”.

Trala denuncia do goberno de Barreiros por este motivo, o colectivo sinala que non só o centro de saúde barreirense -que comparte pediatra con Mondoñedo e Lourenzá– está sen servizo, senón que ocorre igual nos ambulatorios de Ribadeo e Foz.

A plataforma asegura que a profesional que exerce en Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo, en período de vacacións, “non será substituída nin sequera un día á semana”, nin tampouco a de Ribadeo.

En Foz, onde “só se substitúe á profesional algún día”, afirma o colectivo, “a situación afecta tamén aos municipios de Valadouro e Alfoz, ao non dispoñer estes últimos de servizo de pediatría propio”. Así, os pacientes destes dous últimos concellos “teñen que desprazarse para ser atendidos por unha pediatra sobrecargada de traballo e con redución de xornada tampouco substituída”.

Deste xeito, argumenta a plataforma, “se a día de hoxe unha crianza destes concellos ten que ser atendida por un problema de saúde só podería acudir ao centro de saúde de Burela como punto máis cercano ou ao de Foz se coincide co día no que se cubren as súas vacacións”. Estas dúas consultas “terían que atender aos posibles casos que xurdiran de Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, e Foz, Valadouro e Alfoz se non está a profesional”.

CERVO E XOVE, “NA MESMA SITUACIÓN” DESDE O 14

Ademais, resalta a agrupación, en Cervo e Xove “ocorrerá o mesmo nos próximos días, xa que a partir do 14 de agosto a pediatra destes concellos tamén collería vacacións”.

A plataforma sostén que as familias “teñen ás veces que percorrer moitos quilómetros de distancia para que unha crianza poda ser atendida por un ou unha pediatra”, e considera que a escaseza de recursos “sume á comarca nunha situación crítica, que pode chegar a converterse en emerxencia”.

A XUNTA INSISTE NA “CAPACIDADE” DOS MÉDICOS DE FAMILIA

A Xunta, pola súa banda, fixo fincapé en que os nenos de cero a 14 anos, os susceptibles de recibir atención pediátrica, están “cubertos polos médicos de familia, perfectamente capacitados para atendelos”. Ademais, insistiu na “falta de profesionais en paro” para xustificar que non haxa contratacións durante o período vacacional, onde A Mariña multiplica a súa poboación.

Desde a plataforma sanitaria mariñá cualifican a resposta do Sergas de “insulto” á poboación da bisbarra.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here