O BNG de Burela esixe ao goberno local “solucións alternativas” ante o peche da grada principal do campo de fútbol de A Marosa, que se atopa nun estado de deterioro.
O voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, asegura que no tocante ás instalacións “existen dous frentes abertos”, un relativo á situación da grada na que se atopan os vestiarios do propio campo de herba natural, “da que caen cascallos e na que se observa a acción corrosiva da salitre. Trátase dunha urxencia que o Concello ten que solucionar, dando saída á SD Porto de Burela, posto que se trata dunha instalación municipal”, sostén.
“Según nos informaron existe un informe que avala o peche da grada, documentación que xa solicitamos ao Concello para o seu análise. Pero isto non pode quedar só no peche da grada, o que conlevaría a inutilización tamén dos vestiarios e almacéns do club, ten que haber unha solución alternativa mentres non se arranxa a grada para que podan traballar con normalidade”, sinalou Pillado.
“FALTA DE MANTEMENTO”
A formación frontista atribúe este deterioro “á falta de mantemento. É algo vergoñento que o concello teña unha persoa contratada para coidar do campo de herba natural e exista un contrato cunha empresa externa para o campo de herba artificial, para logo ter as instalacións totalmente abandonadas: portas que caen, o peche erosionado e roto, non se repoñen nin as redes, pintura por riba do óxido… Non se pode entender”, argumenta o voceiro do BNG.
Pillado expón que solicitou “acceso ó contrato de mantemento que se formalizou cunha empresa externa, para velo grado de cumplimento do mesmo”.
INFORME
Segundo expuxo o alcalde, o socialista Alfredo Llano, en declaracións a El Progreso, o executivo municipal está á espera dun informe que especifique as actuacións a realizar para daquela buscar financiamento, sendo consciente de que a reforma podería requerir de máis dunha anualidade.