O Valadouro busca un xefe para non perder a segunda brigada forestal: “pasará igual que cos socorristas”

O Concello asegura que os profesionais titulados "non están esperando un contrato de tres meses" e insta á Xunta a facer este servizo "estable no tempo"

Brigadistas tentan extinguir un incendio. AXM

O Concello do Valadouro mantén aberta a convocatoria, ata este martes, para contratar un xefe para a segunda brigada forestal coa que pretende contar o municipio. O goberno local alerta da dificultade de atopar profesionais que dirixan os equipos e considera de que de non cambiar o modelo de contratación dos brigadistas podería darse un problema de escaseza de persoal similar ao que acontece co servizo de socorrismo.

O concelleiro de medio rural, o socialista Iago Fernández Pena, explica que se trata dunha segunda convocatoria e que, a falta dun día para o remate, polo de agora non hai aspirantes para dirixir a segunda brigada. “Se carecemos dun peón, pódese sacar adiante, pero sen unha persoa que coordine non é posible”, expón.

Fernández Pena sinala que, aínda que sería a primeira vez que O Valadouro perdese a brigada, en anos anteriores xa se atoparon con dificultades para contratar xente cunha certificación académica -un xefe de brigada require alomenos dun ciclo de Formación Profesional relacionado co ramo, técnicos ou inxeñeiros-, que require de maior estabilidade laboral e de mellores salarios.

“Esta xente non está esperando un contrato de tres meses. Como a Xunta de Galicia non ofreza unha estabilidade, imos ter problemas. Vai haber peóns, persoas que precisen traballar e lles veña ben facelo no verán, pero non xefes con titulacións”, indica.

Deste xeito, e aínda que o Concello solicitará abrir un novo concurso, O Valadouro podería quedar sen esta segunda dotación, que ten recoñecida pola Xunta de Galicia.

ACHEGA DA XUNTA “INSUFICIENTE”

O Goberno galego asignou 63.476 euros ao Concello para contratar a dez profesionais, dous deles xefes de equipo. Fernández Pena asegura que “os cartos non chegan” e que os executivos municipais teñen que “recorrer a fondos propios” para completar as brigadas, que non só apagan lumes senón que realizan “tarefas primordiais de roces e prevención, que fan moita falta”, indica.

Fernández Pena considera que “hai que profesionalizar este servizo. Quizais con menos brigadas, se cabe, pero que teñan unha estabilidade durante todo o ano”.

OUROL REQUERIU DE TRES CONVOCATORIAS

Á espera dos recoñecementos médicos pertinentes, o Concello de Ourol conseguiu completar a brigada a costa de realizar tres convocatorias para o xefe de brigada. “Preto non temos case ninguén e vai ter que vir un rapaz da zona de Ferrol”, explica o alcalde, o tamén socialista José Luis Pajón, que coincide en que a axuda da Xunta “non cubre”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here