Fuente foi urxido a unha redución “drástica” do gasto antes de aprobar medio millón en facturas nun día

A alcaldesa atribúe a "situación límite" de Barreiros ao "descontrol" do anterior rexedor, que desouviu a advertencia da interventora, e este reta a atopar "un só informe de reparo"

Consistorio de Barreiros. AXM

Nun informe previo á liquidación das contas do ano 2018, aprobada o pasado 27 de marzo polo anterior alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga (Partido Popular), a secretaria-interventora instou ao goberno local do PP a sacar adiante, no prazo dun mes, un plan económico-financieiro que incluíse “medidas drásticas” de control e redución do gasto. A técnica emitiu este documento semanas antes do 24 de maio, cando o executivo barreirense deu luz verde a facturas por importe de case 470.000 euros, dous días antes das eleccións locais.

TODAS AS MAGNITUDES ORZAMENTARIAS, EN NEGATIVO

Segundo a técnica expuña naquela altura no documento, no 2012 o Concello barreirense realizou un plan de axuste que “comezou a dar os seus efectos en 2013”. As contas municipais foron positivas ata 2017, cando “se incumpriu por primeira vez a regra de gasto“, e no 2018, “cando se incumpriron todas as magnitudes orzamentarias“, situando “a economía do Concello nunha situación complicada“.

O informe indica que no peche de 2018 o resultado orzamentario axustado -que revela en que medida os ingresos correntes foron capaces de financiar as obrigas recoñecidas- foi de -182.232,38 euros; o remanente de tesourería, de -304.268,47 euros; a estabilidade orzamentaria, cos gastos financieiros incluídos, arroxaba un balance de -173.519,44 euros; a débeda viva ascendía a 1.812.244,39 euros, o que supuña, segundo o informe, o “38,78%” dos ingresos; o aforro neto era de -80.760,55 euros.

Por todo isto, a perita informaba de que “se deberán tomar medidas drásticas de control e redución do gasto, tanto corrente como de investimento”, e tamén “para o incremento dos ingresos”. Así, instaba ao goberno, a 27 de marzo, a aprobar un plan económico-financieiro que permitise no ano en curso e na seguinte anualidade cumprir a regra de gasto.

UN MES PARA ELABORAR UN PLAN ECONÓMICO

O goberno do Bloque Nacionalista Galego (BNG), denunciou o pasado martes o “buraco negro” das arcas municipais, exposta nun informe da interventora similar ao do pasado 27 de maio, no que a interventora insta ao novo executivo municipal a aprobar o mencionado plan económico financieiro no prazo dun mes, coas mesmas directrices: gastar “drasticamente” menos e ingresar máis, pois a redución do gasto non abonda para “reconducir” a situación.

BARREIROS, “INTERVIDO NA PRÁCTICA”

“Ata o aforro neto é negativo, de xeito que se poidesemos concretar unha operación de crédito a longo prazo, necesitariamos unha autorización da Administración autonómica. O Concello está na práctica intervido“, lamenta a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida.

“GASTOUSE MÁIS CANDO SE ACHEGABAN AS ELECCIÓNS”

A rexedora aféalle a Fuente Parga que “isto que se nos advertiu agora xa se lle advertiu por parte da secretaria-interventora ao anterior alcalde. A 27 de marzo había un informe moi similar no que as conclusións eran practicamente as mesmas. Por parte da alcaldía nin se fixo público nin se adoptou ningunha medida; ao contrario, seguiuse aumentando o gasto, ata o punto de asinar facturas por case medio millón nun día“, expón.

Ao longo dos últimos meses, desde a oposición, o BNG alertou da situación. No pasado mes de xaneiro, advertiu de que perigaba a sustentabilidade do Concello logo da aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas pendentes que superaba os 566.000 euros, correspondentes ao exercicio 2018.

A rexedora fai fincapé no incremento dos investimentos en 2017 e 2018 e argumenta que “é unha situación que vén de hai anos e todo parece indicar que os gastos se incrementaban conforme se achegaban as eleccións municipais“.

“Fíxose todo sen ningún tipo de previsión. En marzo (Fuente Parga) era coñecedor desta situación, seguiu realizando gastos sen ningún tipo de control. Non houbo traspaso de poderes, non se nos concedeu unha reunión, ímonos enterando de cousas conforme vai pasando o tempo”, asevera.

OS RECORTES “NON RECAERÁN” SOBRE VECIÑANZA

Ermida asegura que o goberno local está a facer “un contro riguroso do gasto” e que estudará cos servizos técnicos “cun pouco de calma”, dentro do prazo do que dispón, “que medidas se poden plantexar e como se poden redactar para intentar cumprir o prazo establecido”.

No tocante a unha posible subida de impostos, remarca a súa intención de que “non recaia sobre a veciñanza outra vez a mala xestión económica. Será a última opción que barallemos”, afirma. Tamén sinala que “fumos elixidos para gobernar, que tamén é facer cousas, non só sanear senón que a xente teña servizos, teñen que seguir prestándose”.

ERMIDA NON CONCRETA EN QUE REDUCIRÁ OS GASTOS

Ermida garante as nóminas dos arredor de 70 empregados municipais, dado que “a relación de pagos establecida legalmente establece que vai primeiro débeda, despois os salarios. A intervención garántesenos liquidez”, precisa. Por agora, non concreta que aspectos orzamentarios considera susceptibles de aplicar recortes.

O EX ALCALDE: “NON SE FIXO NINGUNHA ILEGALIDADE”

Fuente Parga, pola súa banda, asegura que non cometeu “ningunha ilegalidade” para aprobar a liquidación e reta a que alguén “saque á luz algún informe de reparo de gasto por parte da secretaria-interventora antes do 15 de xuño. Non houbo nin o primeiro. Se se dá valor ao informe, que é válido, respéctese tamén que non hai ningunha obxección aos gastos realizados anteriormente”, sostén.

O concelleiro popular remarca que “a 15 de xuño tampouco houbo ningunha empresa ou proveedor que presentara demandas por impago“.

No tocante, ao plan económico financieiro, cualifícao de “recomendación” por parte da interventora e nega a responsabilidade de acometelo, “que lle corresponde ao novo goberno”.

Sobre o desaxuste nas dúas últimas anualidades, admite que “gastouse máis do que se ingresou. Amañáronse estradas, fixéronse obras de saneamento. Toca corrixilo nos anos seguintes. Temos a conciencia tranquila; iso é gobernar, nós xa o fixemos antes”, indica, en alusión ao plan económico financieiro de 2012.

Preguntado por que aprobou 470.000 euros en facturas nun só día -o que cualificou de “normal” para calquera goberno local antes de finalizar a lexislatura- coa advertencia de que o Concello estaba nunha situación económica “complicada”, Fuente Parga asegura que “se aproban recibos porque eran traballos realizados polas empresas. Eran gastos reais”, argumenta.

INSISTE EN CULPAR AO BIPARTITO

Fuente Parga carga contra o BNG e suxire que trala denuncia pública do Concello “se queira xustificar algunha subida de impostos ou mingua dos servizos. Xa temos menos socorristas, menos desbroces”, sostén.

Ademais, insiste en atribuír ao bipartito da Xunta de Galicia a situación económica de Barreiros. “Só coas construcións que quedaron a medias, recadariamos 200.000 euros de Imposto de Bens Inmobles (IBI) cada ano, máis auga e saneamento. En dez anos, dous millóns de euros. Isto provocouno un partido que se chama BNG”, di.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here