Lara Fernández: “unhas festas patronais poden ser transformadoras”

A concelleira de cultura de Viveiro fai balance tras 20 días de actividades

Lara Fernández-Noriega. AXM

A piques xa de comezar a romaxe do Naseiro, posto que Viveiro é en agosto un municipio efervescente, a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, fai balance dunhas festas patronais que ofreceron distintas actividades durante 20 días, ininterrompidamente.

Que sabor de boca lle deixaron as festas?

Pensamos que as festas ofreceron unha programación ampla, de calidade e durante moitos días, practicamente tres semanas. Cada día subiu ao escenario unha persoa ou unhas persoas que fan das festas e da cultura un mundo plural. O concerto de Coti, ou o da Garufa Big Band con Sito Sedes, foron un éxito.

Como se elabora un programa festivo de tantos días?

Elaborar un programa tan amplo é complexo e precísase máis dun ano de preparación. No caso dos cabezas de cartel, digamos, nas actuacións máis destacadas, todo o curso. Para contratar a Coti tes que pensalo en xaneiro ou febreiro, que é cando teñen as xiras de verán. Despois todo é máis caro. Hai que afinar moito economicamente e iso supón normalmente negociacións longas.

Cal é o obxectivo para as festas patronais, como concelleira de cultura?

Nós pensamos principalmente na veciñanza de Viveiro, que é fundamentalmente quen as sufraga, e por ese motivo en ofrecer cousas que se adapten a públicos distintos. Por suposto, non perdemos de ollo que hai un comercio e unha hostalería para o que as festas son importantes.

Temos un afán de entreter, de que Viveiro estea vivo, e ao tempo de ofrecer un alto nivel cultural, dar a coñecer novas correntes artísticas. A cultura ten que mover, transformar ás persoas, e penso que, por que non, as actuacións dunhas festas patronais poden ser transformadoras.

Que busca nunha actuación?

Quizais se está mal acostumando á xente a buscar sempre o que é máis familiar ou recoñecible. Se nos guiamos só polo que é popular, seremos a sociedade que esa corrente artística que está de moda vende. Nós sabemos que Viveiro é unha praza cun nivel cultural alto, cunha esixencia alta, e buscamos dentro das nosas posibilidades xente que ofreza unha calidade artística e musical. A fama é unha cousa e o talento é outra. O que buscamos é que as actuacións poidan calar.

Quizais debamos ser máis pedagóxicos, explicarlle á xente que hai que abrirse a coñecer cousas novas. Ás veces non coñeces un artista e logo atópaste unha sorpresa moi grata. Este ano pasou o día 16 coa Garufa Big Band, a xente non sabía e quedou encantada. 23 músicos, un repertorio extraordinario… Foi unha marabilla.

Tamén traemos artistas menos coñecidos e moito máis sutís como Caxade, que lanzan unha mensaxe. Cancións propias cunha mensaxe moi necesaria, que din verdades coma puños e poden transformar ao público, mellorar a sociedade.

Falando deste último exemplo, é un feito que falta música popular galega nas festas, fora das agrupacións tradicionais. É algo que non acaba de estar normalizado.

Cando digo que hai que programar música galega nas festas populares dinme que son atrevida. Son artistas nosos, que pelexan moito por facer obras que se saian do comercial e do cotiá, e tamén teñen que ter o seu espazo, porque ademais teñen o seu público.

Ás veces resulta polémico que nas festas non teñan o principal protagonismo as orquestras, de tan habitual que é e de tanto que gustan á xente. Por que non é así en Viveiro?

Sabemos que hai orquestras que teñen éxito alá onde van, como Panorama ou Combo Dominicano, pero custan moito diñeiro e tampouco temos un espazo tan amplo onde poñelas. Se tocan na Praza Maior ou nos xardíns de Noriega Varela colapsan a cidade. Cremos que hai outros grupos economicamente máis asequibles e que tamén o fan ben. América de Vigo, que actuou o día 16, é o caso. Tocan Queen, AC/DC, Rolling Stones, Sabina… Música de todos os estilos cunha calidade interpretativa e musical fóra de serie.

Penso que unha das tarefas da concellería de cultura dun municipio é elexir cousas que poidan un pouco romper os moldes, abrir horizontes e ensinarlle á xente que hai unha variedade cultural. No municipio hai varias festas nas parroquias que teñen as súas verbenas, coas que o Concello colabora economicamente, e nas que actúan orquestras potentísimas ás que a xente do municipio pode ver.

As festas patronais de Viveiro tamén apostan pola integración.

Apostar porque as persoas cunha diversidade funcional teñan o seu sitio é outra das cousas que quixemos sempre. Teñen o seu dereito a ocupar un lugar na sociedade. Fixemos teatro en agosto con Aspanane e a Eu Son Band de Burela deu un dos concertos con máis corazón e que máis calaron nas festas.

Por que encarga os carteis a artistas? 

Cando comezamos a organizar as festas lembrámonos dos artistas gráficos e os fotógrafos moitas veces pasan desapercibidos. Gustaríame facer unha exposición, pero é complicado, porque os espazos son limitados. Xa que non podemos darlles visibilidade nunha mostra, por que non ofrecerlles a posibilidade de facer o cartel. Neste caso foi David Catá, que demostrou o que é para el ás festas patronais. Cremos que funcionou moi ben, a calidade das pezas é moi alta e penso que no futuro poidamos facer unha compilación. Dentro de 30 anos, serán unha cousa bonita.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here