IniciosociedadeRibadeo e Trabada piden de novo audiencia con Feijóo trala última rotura...

Ribadeo e Trabada piden de novo audiencia con Feijóo trala última rotura na traída desde Vilarbetote

A canalización, que abastece aos dous municipios, rachou cinco veces en xullo de 2018 e volveu abrir o pasado domingo, polo que o depósito ribadense estivo "a piques" de baleirarse

Publicada o

- Advertisement -

Os alcaldes de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia (BNG), e de Trabada, Mayra García Bermúdez (PSdeG-PSOE), veñen de enviarlle un segundo escrito ao presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, no que lle solicitan unha xuntanza para abordar a problemática existente co abastecemento de auga para o consumo humano nestes dous municipios, despois da última rotura, o pasado domingo, na traída xeral.

PROXECTOS SEN LICITAR

Suárez Barcia subliña nese documento que a Xunta elaborou hai oito anos un proxecto global para substituír a tubaxe que vén desde Vilarbetote, en Trabada, e que suporía un investimento de máis de 5,5 millóns de euros.

Hai seis anos, o Goberno galego chegou a facer unha separata para unha primeira fase, onde se construiría un depósito de auga por 1,5 millóns de euros. O alcalde lamenta que “nunca se soubo nada máis destes dous proxectos”, sen licitar.

Os rexedores de Trabada e de Ribadeo reitéranlle a Feijóo “a necesidade de xuntarnos canto antes, á maior brevidade posible, co fin de garantir a subministración de auga desde o río Eo”.

Ambos manifestan que “tanto por parte do Concello de Trabada como por parte do de Ribadeo é o segundo escrito que lle enviamos ao presidente da Xunta de Galicia”. O primeiro foi poucos días despois das eleccións municipais.

Suárez Barcia sinala que para Ribadeo “é un problema fundamental, porque a condución principal de auga para estes dous concellos depende dunha captación que está no río Eo, no lugar de Vilarbetote, en Trabada”.

VINTE QUILÓMETROS DE CANALIZACIÓN DOS ANOS 70

Desde este punto, a traída vén vinte quilómetros canalizada por unha condución de fibrocemento dos anos 70, que constantemente padece roturas. No verán pasado, acometida rachou cinco veces no mes de xullo e tamén unha en agosto.

Segundo expuxo Suárez Barcia, o pasado domingo “houbo outra rotura na traída xeral e non quedamos sen servizo de subministro de auga por moi pouco, grazas á celeridade con que se localizou e se reparou impediu que o depósito principal de Ribadeo se baleirara de todo, pero quedamos a piques de que iso acontecese”, afirma.

NA OUTRA CAPTACIÓN, VERTIDOS DE LIXIVIADOS

A outra captación de Ribadeo é no Río Grande, onde se producen tamén con frecuencia verterduras de lixiviados. “Sabemos que a Xunta proxectou incluso un pequeno parche hai un par de anos por mor daqueles vertidos, pero ningún destes proxectos políticos se levou a cabo. Non sabemos se é por falta de fondos ou por sectarismo político”, argumenta o rexedor ribadense.

Así, “o día menos pensado, como temos advertido moitas veces por escrito aos responsables da Xunta, a poboación de Ribadeo pode quedar facilmente sen auga. É un dereito e un recurso básico para a poboación, co cal iso non se pode permitir”, remarca Suárez Barcia.

GARCÍA BERMÚDEZ: “48.000 EUROS SEN RETORNO”

Pola súa banda, García Bermúdez destaca que nos últimos oito anos Augas de Galicia “ten recadado da veciñanza de Trabada en torno a 6.000 euros anuais correspondentes ao canon de auga, o que a día de hoxe serían xa 48.000 euros, dos que non houbo retorno algún no noso municipio en forma de obras”.

“A LEI DI QUE A XUNTA DEBE AXUDAR”

O alcalde de Ribadeo asegura que a poboación vive “co corazón nun puño” e aínda que admite que “a competencia en subministro de auga potable é municipal, somos conscientes de que a legalidade di que a comunidade autónoma ten que axudar a financiar estes proxectos, e máis aínda cando son supramunicipais”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...