Suárez Barcia nega responsabilidade na “inxustiza” de que a Xunta non executase melloras na traída

O rexedor ribadense asegura que a instalación dun depósito de auga en Ove "non se fixo por un informe desfavorable de Intervención" do Goberno galego

Fernando Suárez Barcia. AXM

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, respondeu este martes ás críticas do voceiro do Partido Popular (PP), Daniel Vega, que culpou ao Concello de que non se executase un proxecto elaborado pola Xunta para substituír a tubaxe de traída desde Vilarbetote, de fibrocemento que ten décadas de antigüidade e que padece roturas con frecuencia. A última foi a semana pasada, cando o propio rexedor ribadense e a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, pediron audiencia ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, por unha situación de “inxustiza”.

Vega acusou a Suárez Barcia de ser o responsable de que no 2014, “cando había fondos europeos e propios”, non se executase un proxecto autonómico para mellorar o abastecemento ao “non poñer a disposición da Xunta os terreos” para a construción dun novo depósito de auga en Ove.

Suárez Barcia afirmou que o proxecto non se levou a cabo ao realizar o Executivo autonómico unha separata do plan inicial, valorado en cinco millóns de euros e que incluía a substitución de toda a acometida nun percorrido de arredor de vinte quilómetros.

OS TERREOS PARA O DEPÓSITO, EXPROPIADOS

Contemplouse unha obra parcial pois era moi custosa, e esta tampouco se puido executar porque Intervención da Xunta non informou favorablemente por tratarse dun proxecto europeo parcial e non integral”, defende Suárez Barcia.

O rexedor sostén que “en ningún momento a Xunta pediu a entrega dos terreos para facer tal depósito, posto que o único que solicitou foi un informe de conformidade urbanística, que por suposto se lle remitiu, xunto coa solicitude de corrección de erros daquel proxecto que tiña abondo”.

O rexedor explica que, aínda así, “neste mandato anterior expropiamos os terreos, coa conformidade da Xunta por certo, para poder entregalos no momento en que se nos pidan. Se nalgún momento realmente chegaran a pedir a posta a disposición inmediata das parcelas, teriamos utilizado outras fórmulas máis rápidas a través do alugueiro dos terreos ou mesmo da compravenda”, argumenta.

“A VECIÑANZA PAGA 200.000 EUROS ANUAIS DE CANON”

O alcalde ribadense nega a “falta de interese no abastecemento” que lle atribúe o PP e sinala que as medidas que se adoptaron foron “pola presión” do Concello ante os problemas “por esta tubaxe que ven desde o río Eo dando servizo a Trabada e máis a Ribadeo, fose polos vertidos de lixiviados doutra industria á outra captación que temos no río Grande”.

Suárez Barcia acusa a Vega de “mentir e sobreactuar para facerse ver” e cualifica a situación de “proceso de inxustiza” coa veciñanza de Ribadeo, “que paga máis de 200.000 euros anuais polo canon da auga”. Así, asegura que tanto Trabada como Ribadeo seguen a agardar pola chamada do presidente da Xunta para falar do abastecemento de auga a ambos municipios.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here