Iniciosociedade(CON VÍDEO) Estupor das familias de Cervo ao comprobar o estado dun...

(CON VÍDEO) Estupor das familias de Cervo ao comprobar o estado dun colexio “listo” segundo a Xunta

Nun inicio do curso sen nenos, os pais protestaron pola "falta de solucións" e a "insistencia" do Goberno galego en comezar o exercicio nun edificio en obras

Publicada o

- Advertisement -

O Colexio de Infantil e Primaria (Ceip) de Cervo abriu este mércores as súas portas, tal e como estaba previsto, para un inicio do curso no que os autobuses chegaron baleiros e faltou a algarabía dos nenos. Só rachaban o silencio as conversas dos adultos, algúns con casco e chaleco reflectante, que quitaron fotografías ás aulas da escola para que quedase constancia do que a comunidade educativa sabía pero a Consellería de Educación nega: que o centro non está preparado para o inicio do calendario escolar polo atraso das obras de reforma.

As familias, que respaldaron de forma unánime –112 sinaturas por arredor de 130 alumnos do centro– un escrito enviado pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) á Xunta de Galicia para pedir “unha solución” ante a situación do colexio, concentráronse na mañá deste mércores fronte á fachada do centro educativo, oculta tralos andamios, cunha pancarta na que se le “perigo, obras”.

Posteriormente, con quendas para aliviar a aquelas persoas que tiñan que incorporarse ao traballo ou coidar dos pequenos pola mañá -unha situación que cada familia deberá solucionar como poida durante uns días-, os pais comprobaron nun desfile de xente atónita a realidade do centro a 11 de setembro, data prevista para o inicio do curso e que a Xunta insistiu en seguir malia admitir demoras “de 15 ou 20 días” nas rehabilitacións dalgúns centros, como é o caso.

AULAS SEN LIMPAR, RECOLLER E EQUIPAR

Fronte á promesa da Xunta de que “todas as aulas” estarían listas para a apertura do curso, os pais -tamén algúns profesores, que durante semanas estiveron preparando a apertura no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao– atopáronse con algúns espazos nos que, antes de pensar en comezar a actividade escolar, é necesaria unha limpeza a fondo. Noutros casos, os cuartos estaban sen recoller e sen equipar

A escola ten o cheiro do , que cubre o solo e o mobiliario –ordenadores, tamén as impresoras da sala de profesores– das aulas, incluso as reservadas para os pequenos de catro anos, e que fai tusir aos adultos que entran nelas. Pais de nenos con asma dubidan da salubridade das mesmas.

Hai cabichas e parafusos polo chan e algunha filtración de auga. Ducias de caixas de material por desembalar acúmulanse polos cuartos, que requerirán aínda duns días de traballo.

Máis esforzo aínda precisarán a sala de profesores ou o espazo da secretaría e dirección. A maioría dos baños do centro educativo está sen rematar e apenas hai un catro dispoñibles; dous das aulas de infantil, un de nenos e outro de nenas, os do patio interior do comedor. A cociña tampouco está acabada, polo que a comida, de comezar o curso, debera servirse cun cátering.

A XUNTA REXEITA REUBICAR AS CRIANZAS

Nos corredores atópanse elementos que preocupan aos pais, como portas por instalar, apoiadas sobre unha parede, bridas que suxeitan mallas nos pasamáns, e tamén o material -incluso martelos– duns obreiros que traballaron a reo, por quendas e mesmo nos días festivos polas noites, posiblemente sendo conscientes de que faltaba tempo para que o colexio -cunha obra licitada no mes de maio e iniciada a mediados do mes de xullo, cun prazo de execución de tres meses– estivese preparado para a primeira xornada escolar.

Por un lado está a posición da Xunta, inamovible malia a petición da Anpa de adiar o comezo do curso ou de reubicar as crianzas noutros edificios, como as antigas escolas de Cervorecén rehabilitadas– e San Román. Por outra, a realidade do centro, dúas paralelas que non se tocan. No medio, o desconcerto duns pais que preguntan aos profesores cando deben traer os seus nenos á escola, duns profesores que non saben que dicirlles aos pais.

EDUCACIÓN INSISTE EN QUE AS AULAS “ESTÁN LISTAS”

Polo de agora, o colectivo das familias seguirá alomenos durante esta semana sen levar os nenos ao colexio, pois entende que non se dan as condicións mínimas de “hixiene e de seguridade” necesarias para empezar. Mentres, obreiros e docentes tentan gañar tempo para que as aulas poidan estar dispostas para luns. Aínda así, os pais dubidan de que abonden catro días -incluíndo dous festivos- para que o colexio estea listo.

Lonxe de reconsiderar a data de inicio do curso, a Xunta insistiu este mércores a través dun comunicado de prensa en que “garante” que “as aulas do Ceip de Cervo están listas”. O Goberno galego responsabilizou aos pais, “que non están de acordo coa evolución das obras de eficiencia enerxética”, do atraso no inicio do exercicio escolar.

EN FOZ PARTICIPARON 48 ALUMNOS DE CASE 180

No Ceip nº 1 de Foz, onde as obras seguen e a comunidade educativa só puido dispoñer dun dos dous edificios que forman o centro, participaron na apertura 48 alumnos -nove de infantil e 39 de primaria- dun total de arredor de 180, segundo explica a Anpa.

A maioría dos pais decidiu que ante a necesidade de ubicar todo o alumnado nun edificio, cunha aula por curso, o calendario escolar “non podía comezar con normalidade”. Así, estes proxenitores valorarán se iniciar o exercicio o luns, cando a Xunta comprometeu que estaría listo o inmoble número 2.

En calquera caso, a Anpa convocará ás familias o vindeiro martes para unha asemblea na que a maioría dos pais decida unha postura común fronte á situación do centro.

O PSOE ANUNCIA INICIATIVAS NO PARLAMENTO GALEGO

A deputada parlamentaria do PSdeG-PSOE e secretaria xeral dos socialistas lucenses, Patricia Otero, avanzou que a formación rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer cal é o motivo das incidencias nos centros da provincia, entre eles os de Cervo e Foz.

Otero critica “a falla de planificación e o retraso na licitacións destas obras, xa que tal e como constatamos están impedindo o normal inicio do curso escolar na nosa provincia”. Así as cousas afirma que “hai unha irresponsabilidade total por parte do Goberno galego de (Alberto Núñez) Feijóo e do Partido Popular (PP) en que se inicie o curso con estas obras, xa que poden poñer en risco a seguridade tantos dos alumnos como dos docentes”, advirte.

A CIG TACHA Á CONSELLERÍA DE “IRRESPONSABLE”

A CIG-Ensino cualificou a situación do Ceip de Cervo de “indignante”, pois “non conta con cristais na cociña, nin cunha entrada independente. Continúan as obras na cuberta, no revestimento exterior e as instalacións. Varias zonas do colexio están restrinxidas, o que implica a necesidade dun novo plan de seguridade para garantir a integridade do alumnado e do profesorado”.

O sindicato sinala que as obras “foron iniciadas o 22 de xullo“, polo que “a Consellería sempre foi sabedora de que non era posible comezar o período lectivo con normalidade e seguridade. Como se pode obrigar ao alumnado e ao profesorado a entrar en locais onde está avisado, con sinais, que é obrigatorio levar casco?”, pregunta o sindicato.

A central nacionalista tamén denunciou “o estado inacabado das obras” no Ceip nº 1 de Foz e no Virxe do Carme de Burela, “limitando os movementos do alumnado e con aulas sen as axeitadas condicións de hixiene”.

(O material gráfico e o vídeo do interior do centro foi cedido por distintos pais ao Xornal da Mariña).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...