Barreiros licita a contratación dun punto limpo móbil

O servizo, cun importe de máis de 51.000 euros, colocarase en distintos lugares do municipio para facilitar a recollida selectiva de lixo

Puntos limpos móbiles. AXM

O Concello de Barreiros iniciou o expediente para a adquisición de un vehículo tipo pick-up co que implantar un punto limpo móbil que complete o servizo de recollida de lixo.

O vehículo, con gancho multilift, conta cunha caixa basculante con baldas laterais abatibles e un módulo de punto limpo móbil con diferentes compartimentos. O importe deste subministro é de 51.552,46 euros, IVE incluído, e deberá estar entregado antes do 15 de novembro.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciará con 40.000 euros este servizo, grazas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ó programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As ofertas poderán presentarse de maneira electrónica pola Plataforma de Contratación do Sector Público ata o 4 de outubro.

O edil de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, sinala que “coa implantación deste punto limpo móbil preténdese complementar ao servizo fixo e reforzar o sistema actual de recollida selectiva e facilitarlle aínda máis á poboación a reciclaxe dos residuos”.

TAMÉN TRASLADARÁ VOLUMINOSOS

O punto limpo móbil “poderase colocar en diferentes sitios do concello, para depositar pequenos residuos e cousas como chatarra electrónica, pintura, aceites, roupa, xoguetes ou pilas, polas que á veciñanza non lle compensaría desprazarse ata o servizo fixo”, expón Ratoeira.

O módulo de caixa basculante con baldas laterais abatibles permitirá ao vehículo a recollida de voluminosos e o seu traslado ao punto limpo.

CHARLA SOBRE A TARIFA ELÉCTRICA

O vindeiro luns, 16 de setembro, a aula CeMIT de Barreiros acollerá (12.00 horas) a charlaDálle luz á túa factura‘, a cargo do Instituto Galego de Consumo.

As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través da web cemit.xunta.gal, na propia aula CeMIT ou chamando ao teléfono 666.875.946.

1 COMMENT

  1. Boa iniciativa!, a complementar coa autocompostaxe no rural e a eliminación da recollida de lixo orgánico nas parroquias. Un aforro enorme de cartos que deberá repercutirse na mellora doutros servizos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here