A plataforma Pro Celeiro teme que o anuncio da licitación da mellora da EDAR fose “electoralista”

O colectivo lembra que malia que a conselleira Ethel Vázquez anunciou o pasado venres a saída a concurso do proxecto, polo de agora "non se publicou nada no DOGA"

Xuntanza do colectivo veciñal con Ana Miranda e outros representantes do BNG. AXM

A plataforma veciñal Pro Celeiro, que reclama ás Administracións que executen as medidas prometidas para acadar o saneamento da ría de Viveiro, emitiu este sábado un comunicado no que expuxo as súas conclusións sobre as reunións mantidas coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e coa deputada do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda.

O colectivo veciñal mostra a súa “sorpresa” por que a conselleira anunciase a licitación das obras de mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Viveiro “sen estar nada publicado no Diario Oficial de Galicia (DOGA)”, un anuncio do que “a Comisión Europea non ten constancia, segundo confirmou Miranda”.

Os veciños aseguran que lles “preocupa que o anuncio que fixo a conselleira se trate simplemente dun acto electoralista“, e “quere crer” que a vindeira semana “veremos algo publicado no DOGA”. Ademais, aféanlle á Xunta “a falta de respecto institucional” ao facer pública a licitación “sen contar coa presenza da alcaldesa de Viveiro”, a socialista María Loureiro, “parte implicada neste proxecto”.

Deste xeito, temen que se tratase dun acto para sacar “rédito de cara ás eleccións”, polo que advirten de que “imos estar moi pendentes dos prazos e vixiantes de cada paso”.

“SERIAS DÚBIDAS” SOBRE A SUBSTITUCIÓN DO EMISARIO

A veciñanza expón “serias dúbidas” sobre o proxecto da substitución do emisario submariño roto que verte augas fecais sobre a ría, “tanto da súa demora no tempo coa conseguinte continuidade da desconexión da depuración de Celeiro e Area, como da obrigatoridade e cumprimento do pretatamento das industrias que terá que ser efectivo antes da súa conexión á depuradora”.

Malia que consideran que a ruta alternativa que presentou a Xunta “pode ser eficaz a curto prazo”, temen “que se gasten os fondos nun proxecto incompleto e de novo volva a quedar así durante outros 20 anos”.

DENUNCIARÁ O PROBLEMA EN BRUXELAS DA MAN DO BNG

Respecto da xuntanza con Miranda, o colectivo anunciou que foi convidado pola voceira nacionalista en Europa para “denunciar publicamente” en Bruxelas “o que está a acontecer coa nosa ría”, unha proposta que aceptou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here