Xunqueira acepta “unha ampliación escalonada” do río coa garantía do acceso dos servizos de emerxencias

Augas de Galicia incorporará as propostas da veciñanza ao estudo, coa posibilidade de usar o Río Pequeno como aliviadoiro para crecidas, e comprométese a limpar a zona alta do Fontecova

Desperfectos causados en Xunqueira polo caudal. AXM

A veciñanza de Xunqueira acadou nunha reunión mantida este martes o compromiso de Augas de Galicia de que as obras que se realicen para reconstruír este barrio de Viveiro e evitar inundacións trala riada do pasado mes de novembro, que custou a vida dunha persoa, contemplarán accesos ás vivendas para os servizos de emerxencias. O ente hidráulico incorporará así as solicitudes realizadas pola asociación de veciños de Valdeflores ás tres alternativas propostas, polo que nos vindeiros meses completará o estudo entregado no pasado mes de marzo.

Representantes da asociación veciñal, que representa a unhas 160 familias, do Concello de Viveiro -o tenente de alcalde, Suso Fernández– de Augas de Galicia -a directora, Teresa Gutiérrez-, e da Xunta de Galicia -o delegado territorial, José Manuel Balseiro– mantiveron unha xuntanza en Celeiro na que se analizaron as posibilidades de actuación e se procurou dar solución desde o punto de vista técnico ás demandas da veciñanza.

O Goberno autonómico insistiu nunha modelización hidráulica na necesidade de realizar actuacións nas marxes do río ao seu paso polo núcleo urbano de Xunqueira, identificado como zona de especial risco de inundación. Neste sentido, Augas de Galicia propuxo tres alternativas, entre as que estaban a ampliación da sección do Fontecova e a creación dunha pasarela ás casas. Unha proposta que topou coa oposición veciñal, dada a dificultade que tería unha poboación envellecida coma a do barrio para acceder ás súas casas, así como os propios servizos de emerxencias.

Xuntanza dos veciños, o Concello e Augas de Galicia. AXM

ESPAZO PARA BOMBEIROS OU AMBULANCIAS

“Chegamos a un acordo; que todas as casas afectadas polo proxecto de reconstrución poida acceder o coche de bombeiros ou, no caso da zona que está entre a estrada e a ponte románica, como mínimo as ambulancias“, expón Alfonso Otero Regal, da asociación de veciños Valdeflores.

A cambio, para facilitar atopar unha solución, o colectivo veciñal acepta que na área urbana se realice “unha ampliación da sección escalonada“, cun deseño de cauce de augas baixas e de augas altas que actúe como freo dunha posible riada.

TRES ZONAS AFECTADAS

As actuacións afectarían a tres zonas. A primeira delas sería desde a Carrapota á ponte da estrada. “Nesa zona ampliarán a ponte, mínimo duplicando o seu tamaño, tiraríase a casa que quedou derruída e que haberá que expropiar, e as vivendas terán a garantía de acceso dun coche de bombeiros se hai incendio ou emerxencia”, explica Regal, que agrega que “a amplicación do río será escalonada, cunha zona para cando o río teña pouca auga e outra para cando leve máis cantidade”.

Na zona 2, desde a estrada á ponte románica, que foi a máis afectada pola riada e na que vivía a veciña que faleceu, chegouse ao acordo de que “minimamente pase unha ambulancia, dado que hai dúas tomas de auga por casa”. Nesa área “haberá que contemplar o traslado da fonte, que queremos conservar, e expropiar e retirar os edificios que quedaron medio derruídos”.

Unha posibilidade que xurdiu durante o encontro é que o Río Pequeno, cuxa desaparición denunciaron os veciños de acometerse os proxectos deseñados por Augas de Galicia, se utilice como aliviadoiro para as crecidas. Este rego “volve dar ao río, polo que a auga conduciríase ben”, expón Regal, que sinala que os técnicos do ente hidráulico autonómico “comprometéronse a vir facer un estudo para comprobar esa posibilidade”.

Na zona 3, desde a ponte ata a desembocadura, “Augas garante que a rúa Campo da Festa e tamén o seu acceso poden conservarse, a costa de reducir o xardín”. Nesta zona será preciso ampliar o estudo para ver que facer “xa que o río fai curva moi pronunciada, e barállase tirar ou retirar o muro das monxas para suavizala. Na zona inundable, falouse de ampliar a ponte de Costas“, explica Regal.

NEGAR OS ACCESOS, “A SENTENZA DO BARRIO”

O colectivo veciñal tamén arrincou un dos compromisos que máis demandaba, “que Augas vixilará a limpeza e a corta de eucaliptos na vertente do río, para que, tendo en conta que a pendente é dun 42%, non haxa troncos”. O colectivo veciñal mostrouse moi crítico coa Xunta de Galicia, que segundo denuncian non atendeu as súas reiteradas peticións de limpar a zona, e cuestionou a explicación ofrecida sobre as causas da riada, que o Goberno galego atribuíu a chuvias “que se repiten cada 500 anos”.

“Estamos contentos do comportamento da reunión, de que nos fagan caso. Queremos un barrio digno para vivir. Esta sempre foi unha zona marxinal, de xente maior. Aspiramos a que siga sendo habitable”, expón Regal, que considera que retirar os accesos ás vivendas suporía a morte definitiva de Xunqueira. Así, precisou que o colectivo veciñal realizará de novo unha campaña para “pedir ás Administracións (local, autonómica e estatal) axudas ás vivendas, igual que acontece no casco histórico”.

AUGAS CUSTEARÁ “UN TERZO” DAS OBRAS

A Xunta comprometeuse a informar a Deputación de Lugo, Concello de Viveiro e veciñanza dos resultados do estudo tralas modificacións pactadas. Deste xeito, as administracións local, provincial e autonómica abordarán o cofinanciamento das obras. Augas de Galicia insiste en que se compromete a custear “un terzo” do proxecto, na mesma medida que as outras institucións.

POLÉMICA SOBRE A QUEN CORRESPONDE DECIDIR

Ao longo dos últimos meses, Augas de Galicia descargou sobre o Concello a responsabilidade de decidir que actuación facer en Xunqueira, mentres que desde o goberno local, co acordo unánime das forzas políticas da corporación, quérese implicar aos técnicos do ente hidráulico na decisión de que proxecto acometer.

Neste sentido, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, remarcou que a xuntanza entre Augas de Galicia, o Concello e a veciñanza vén a reafirmar “o que sempre demandamos desde o goberno local, que era necesario escoitar á veciñanza“. A rexedora agradeceu a invitación a participar por parte da directora do ente hidráulico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here