Showcookings e un tapeo con produtos do outono enriquecerán a Feira do Mel do Valadouro

A trixésimo segunda edición do produto estrela do municipio celebrarase o 12 de outubro

Mel do Valadouro. AXM

O Concello do Valadouro impulsará o vindeiro 12 de outubro, coincindo coa festividade do Día do Pilar, a trixésimo segunda edición da Feira do Mel. O municipio reivindica desde 1986 o seu “ouro líquido” e este ano farao con actividades paralelas, entre as que sobresaen showcookings e un tapeo pola hostelería de Ferreira con produtos típicos do outono.

A rúa Andrés López Palmeiro encherase de postos tanto deste premiado produto como doutros produtos da estación -castañas, cogumelos, hortalizas ou froitas-, así como de artesanía. Os interesados en vender a súa mercancía deben solicitalo ao Concello, nos días laborables en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00, ata o 4 de outubro. Tamén poden chamar ao 982.57.40.00.

PROGRAMA

A actividade comezará coa apertura da feira, ás 10.00 horas. De 11.00 a 13.00 horas, haberá showcookings -demostracións de receitas de cociña- a cargo do persoal docente da rama de hostalería do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz, paralelamente á actividade da locomotora asadora de castañas, que ofrecerá o froito do castiñeiro de balde entre os presentes.

Ás 12.00 horas, a asociación cultural Amado Lar ofrecerá un pasarrúas polo mercado, para dar paso a unha das novidades desta edición, unha ruta de tapeo polos locais de hostalería do Valadouro. Os establecementos ofertarán durante todo o día dúas tapas gratuítas de tempada cociñadas con ingredientes como o mel, a mazá, a castaña, a noz ou os cogumelos.

A mañá concluirá cun sorteo entre todos os asistentes cun lote de produtos donado polos postos da feira.

A partir das 15.30 horas haberá obradoiros de pintacaras e globoflexia e inchables para aqueles nenos que se acheguen ao recinto feiral. Ás 19.00 horas, antes dun segundo sorteo de produtos da feira, haberá unha degustación de freixoós con mel.

A música de Festicultores Troupe animará a segunda quenda do tapeo, a nocturna, que pechará a trixésimo segunda edición da cita.

O CARTEL, OBRA DO ALUMNADO DO COLEXIO

Nesta edición, a base do cartel principal da Feira estará deseñada polos alumnos do
Centro de Educación Infantil e Primaria Santa María do Valadouro. As crianzas destas idades tamén poderán aprender sobre o produto estrela da festa cunha conferencia, ‘O doce mundo do mel‘, a cargo de representantes da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

PRODUCIÓN MELLOR CA NO 2018

O concelleiro de medio rural, medio ambiente, turismo e novas tecnoloxías do Valadouro, Iago Fernández Pena, precisa que, despois dun 2018 que foi complicado pola falta de floración, “este 2019 foi mellor, aínda que dependendo das zonas do Val hai algunhas diferenzas nos resultados. Sempre se espera algo máis”, admite, “porque hai unha gran demanda de mel”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here