O Premio Nacional de Xenética Ángel Carracedo falará en Ribadeo, no 70 congreso da pediatría galega

O encontro anual dos pediatras galegos celebrarase no auditorio Hernán Naval os días 4 e 5 de outubro

Ángel Carracedo. TWITTER

A Sociedade de Pediatría de Galicia (Sopega) celebrará o seu 70 congreso anual no auditorio Hernán Naval de Ribadeo os días 4 e 5 de outubro.

O colectivo explica que neste tipo de citas os pediatras “presentamos e compartimos os casos máis interesantes do último ano“. Os encontros son “fundamentais para actualizar os nosos coñecementos, sen esquecer outras facetas interesantes destas reunións, como o intercambio de ideas ou o desenvolvemento de oportunidades de colaboración entre os distintos equipos”, expón.

O encontro de Ribadeo contará coa presenza de “varias figuras da pediatría española” e tamén “doutras especialidades”, como é o caso do profesor Ángel Carracedo, Premio Nacional de Xenética, que o sábado 5 (desde as 12.30 horas) pronunciará a conferencia de clausura, baixo o título ‘Bases xenéticas dos trastornos do espectro autista‘.

A ATROFIA MUSCULAR ESPIÑAL OU O ASMA, A DEBATE

O congreso contará con dúas mesas redondas. Na primeira, que se celebrará o venres entre as 18.45 e as 20.30 horas, falarase das actualizacións prácticas en pediatría, achegando novidades aos especialistas. Coa moderación de Jerónimo Pardo, Jesús Eirís (Complexo Universitario de Santiago, CHUS) explicará os avances terapéuticos en atrofia muscular espiñal, unha enfermidade rara que precisamente na localidade ribadense afecta a un neno que afronta custosas sesións de fisioterapia; Beatriz Fernández Caamaño, (Complexo Hospitalario Universitario de Vigo) da afectación dixestiva en alerxias; e Manuel Boquete (Hospital Universitario Lucus Augusti, HULA) do asma.

MESA REDONDA SOBRE CARDIOLOXÍA INFANTIL

O sábado, de 10.30 a 12.00 horas, haberá outro coloquio sobre cardioloxía infantil, enfocado ao manexo de situacións que preocupan á familia e ao pediatra. No encontro, moderado por José Luaces, farase unha aproximación ás cardiopatías familiares, a cargo de Fernando Rueda. Federico Gutiérrez-Larraya, do Hospital Universitario La Paz de Madrid, responderá á pregunta ‘Que hai que saber e facer no 2019 sobre corazón e exercicio?‘. Finalmente, Mercedes Rodicio, do Hospital Público da Mariña, tratará os síncopes na infancia.

Podes consultar nesta ligazón o programa completo do congreso, que comezará o venres ás 16.00 horas, e ao que precederá unha xornada interactiva de urxencias pediátricas na que participarán Javier Benito e Santi Mintegi, especialistas do Hospital Universitario Cruces do País Vasco.

Centro San Aníbal de Burela. AXM

PREMIO PARA AS FILLAS DO DIVINO CELO

Tamén nesta reunión anual os pediatras galegos premian a unha sociedade, ou a unha persoa, que se caracterizou polo seu labor en favor da infancia. Este ano entregaráselle devandito premio ás Fillas do Divino Celo que, entre outros, xestionan o Centro de Menores San Aníbal de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here