A Xunta retomará a substitución da traída de Ribadeo e Trabada, que deberá ser financiada a catro bandas

Augas de Galicia comprométese cos alcaldes a revisar o proxecto redactado en 2011 e aínda sen licitar, mentres que os gobernos locais tratarán de implicar a Deputación e Goberno central

Xuntanza dos alcaldes de Ribadeo e Trabada coa conselleira Ethel Vázquez. AXM

A Xunta de Galicia e os concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron este martes impulsar conxuntamente unha solución ao problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, co cofinanciamento, tamén, da Deputación Provincial de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantiveron un encontro co alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, e coa alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, na que abordaron a situación que viven os dous municipios polo grave deterioro das redes de abastecemento de auga.

Segundo o acordado, Augas de Galicia procederá “de forma inmediata” a tramitar a revisión e proxecto de renovación integral das tubaxes da rede de abastecemento de Ribadeo. Ese documento técnico, redactado no ano 2011 sen que fose aínda licitado, “debe de ser revisado e supervisado antes da súa aprobación”, segundo expón a Xunta.

A actuación, que consiste na renovación de preto de 20 quilómetros de tubaxes, require dun investimento de preto de seis millóns de euros, “polo que resulta imprescindible a participación das catro administracións (local, autonómica, provincial e estatal) para facelo viable”, sinalan desde a Xunta.

O encontro serviu para desbloquear a situación, logo dunha agria polémica entre a Xunta de Galicia e o goberno local de Ribadeo, mesmo a través de cartas abertas entre o rexedor e o presidente do Executivo autonómico. Suárez Barcia cualificou de “positivo” o resultado da reunión.

“OBRA FUNDAMENTAL” PARA MILLEIROS DE PERSOAS

O alcalde ribadense salientou que se trata dun “problema común, no que todo o mundo se ten que implicar”, porque a tubaxe “abastece a milleiros de persoas entre Trabada e Ribadeo, que rompe frecuentemente e que o día menos pensado nos podemos quedar sen subministro de auga por unha rotura que non se poida reparar con certa celeridade”.

Suárez Barcia concretou que “os Concellos de Trabada e Ribadeo achegaremos as opinións técnicas honestas que consideremos para mellorar o proxecto, que vai ser revisado pola Xunta, e tamén, desde logo, chamaremos a todas as portas, tamén ás da Deputación e ás do Ministerio de Medio Ambiente ou da Confederación Hidrográfica, porque entendemos que é un proxecto supramunicipal e que todo o mundo ten que poñer o seu grao de area para lograr que todo isto vaia adiante”.

Pola súa banda, García Bermúdez abundou nesta visión. “Estamos dispostos a traballar cóbado con cóbado coa Xunta para revistar o proxecto inicial e buscar financiamento. É unha obra fundamental para a nosa veciñanza“, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here