A pescada do pincho de Burela locirá en dez restaurantes da rede española de Paradores

Dez chefs prepararán 500 quilos do produto na campaña da OPP Lugo 'Orixe e destino Galicia', vencellada ao Camiño de Santiago

López, Rodríguez e Cirujano, na presentación da campaña. AXM.

A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP 07) presentou este venres en Santiago de Compostela a súa nova campaña de
promoción da pescada do pincho de Burela, que se poderá degustar en receitas especiais en dez restaurantes da rede nacional de Paradores.

No acto, que tivo lugar na Sacristía Alta do Hostal dos Reis Católicos,
participaron Sergio López, xerente de OPP Lugo, Julio Cirujano, director técnico
de Gastronomía de Paradores, e Mercedes Rodríguez, directora xeral de Pesca
da Xunta de Galicia.

Esta nova iniciativa da OPP Lugo combina a gastronomía, a calidade do seu
produto pesqueiro e a importancia da “Orixe e o Destino Galicia” nunha campaña
que se realiza en colaboración coa rede de Paradores de España e ten unha
vinculación moi especial coas diferentes rutas do Camiño de Santiago.

A campaña de promoción, para a que OPP Lugo achegará case 500 quilos de
pescada do pincho de Burela, irase desenvolvendo durante unhas dez semanas
nos restaurantes de dez Paradores da red nacional, que ofrecerán diferentes
receitas especiais elaboradas polos seus chefs.

DE SEVILLA Á CORUÑA

Esta promoción denomínase “Orixe e Destino Galicia” porque o peixe sae de
Burela e volve a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través dos
restaurantes de Paradores ubicados en diferentes rutas xacobeas: a Vía da
Prata, o Camiño de Levante, o Camiño Complutense, o Camiño de Madrid, o
Camiño Norte e o Camiño Francés.

Os Paradores participantes pertencen a oito comunidades autónomas diferentes:
Parador de Carmona (Sevilla); Parador El Saler (Valencia); Parador de Alcalá de
Henares (Madrid); Parador de Santo Domingo de la Calzada (La Rioja); Parador
de La Granja (Segovia); Parador de Toledo (Toledo); Parador de Plasencia
(Cáceres); Parador de Benvente (Zamora); Parador de Ribadeo e
Parador de Santiago (A Coruña).

Receitas preparadas para a degustación. AXM

7.600 TONELADAS ANUAIS

López sinalou a importancia da pescada do pincho para as frotas da OP, que convirten a Burela na “Capital da Pescada do Pincho”, xa que toda a súa pesca se realiza con anzol e é a principal lonxa desta pesquería con 7.600 toneladas anuais.

Tamén destacou a pescada do pincho como un produto pesqueiro de primeira calidade, o que a convirte nunha auténtica xoia da gastronomía e que ademais é un alimento ideal para dietas equilibradas e un estilo de vida saudable”.

Cirujano explicou a importancia dos produtos gastronómicos na rede de Paradores, que, con 91 anos de historia, recibe a metade da súa facturación a través dos restaurantes
dos seus hoteis.

EN CALDEIRADA OU SOBRE CREMA DE FABAS DE LOURENZÁ

Pola súa parte, Rodríguez, celebrou este tipo de iniciativas de promoción pesqueira que a Xunta de Galicia financia a través das axudas FEMP, que ademais neste caso se
vincula a diferentes rutas do Camiño de Santiago.

Ao finalizar a presentación ofreceuse unha degustación do produto en diferentes especialidades, como pescada en caldeirada clásica; en tempura con tomates especiados e cilantro; sobre crema de fabas de Lourenzá; ou asada con cabaza e codium.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here