Ribadeo informou a 21.672 turistas en setembro, cunha ocupación hoteleira do 60%

Segundo os datos do Concello, os estranxeiros supuxeron case o 20% dos visitantes e aumentou o número de peregrinos, cun total de 517

Visitantes nas Catedrais, EFE/ELISEO TRIGO

O Concello de Ribadeo fixo balance turístico do pasado mes de setembro, no que pasaron polas oficinas de turismo do centro urbán e da praia das Catedrais un total de 21.672 turistas. Segundo o concelleiro de turismo, Pablo Vizoso, a ocupación hoteleira rondou o 60%.

O edil nacionalista explicou que “a oficina de turismo da vila abriu tódolos días en horario de mañá e de tarde, incluído o 8 (festivo local), no que non se abrira o ano anterior, contabilizando un total de 5.631 viaxeiros. Os días con maior afluencia foron o 4 de setembro con 340 persoas e o 19 de setembro con 293 visitantes. No punto de información turística da praia das Catedrais rexistráronse un total de 16.041 consultas. Os días de máis xente foron o 2 de setembro con 810 persoas e o día 13 con 801 viaxeiros atendidos”, precisou.

PERNOITAS

Sobre as pernoitas, Pablo Vizoso expuxo que “segundo os datos rexistrados nesta oficina relativos aos viaxeiros que se aloxan en Ribadeo, o total de persoas aloxadas nos establecementos deste concello foi de 2.440 persoas, das cales 436 se informaron no punto de información turística das Catedrais e 2.004 o fixeron na oficina de turismo de Ribadeo. Despois de facer unha sondaxe entre os establecementos hoteleiros do concello, a ocupación neste mes de setembro foi dun 60%”, afirmou. 

PROCEDENCIAS

O concelleiro de Turismo referiuse tamén á procedencia das persoas que visitan Ribadeo. “Madrid segue a ser o principal emisor do Estado con 2.740 persoas entre as dúas oficinas. No punto de atención da vila as seguintes rexións emisoras son Castela e León e Andalucía e no posto de información das Catedrais son Galicia e Andalucía“, sinalou Vizoso.

No tocante ao turismo estranxeiro, que se aproximou ao 20%, “os viaxeiros procedentes de Francia son os que máis visitaron o noso concello neste mes de setembro, xunto cos procedentes de Alemaña e Arxentina. Outros países emisores destacables foron Reino Unido e Italia. Na oficina de Ribadeo cabe salientar tamén o incremento dos turistas procedentes de Oceanía con respecto ao ano pasado, en concreto de Australia e Nova Zelanda”, indicou.

TURISMO DE GRUPOS

O edil ribadense engadiu que “tamén é importante o turismo organizado que chega a Ribadeo. Un total de 102 grupos con 4.996 persoas acudiron a solicitar información ás nosas oficinas durante o pasado mes, 3.547 deles na praia das Catedrais”, subliñou.

Vizoso manifestou que “tamén hai que destacar que foron 517 peregrinos foron os que solicitaron información na oficina de turismo da vila, o que supón un lixeiro incremento con respecto do mesmo mes do ano pasado, isto mostra un crecemento continuo dos peregrinos que elixen o Camiño Norte ó seu paso polo noso concello na súa peregrinaxe cara a Compostela”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here