IniciosociedadeO PP veta a proposta dos socialistas para restituír o técnico eliminado...

O PP veta a proposta dos socialistas para restituír o técnico eliminado na ambulancia medicalizada

Otero critica a "discriminación" á que os conservadores someten á Mariña Lucense, mentres que os populares din que a atención aos os pacientes críticos "está garantida"

Publicada o

- Advertisement -

O Partido Popular (PP) vetou este xoves unha proposta do PSdeG-PSOE para recuperar o Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) suprimido na ambulancia medicalizada da Mariña Lucense e o servizo de 24 horas na ambulancia asistencial de Foz.

O recorte na ambulancia medicalizada provocou as críticas da oposición e tamén dos técnicos da Mariña Lucense, dada a intención da Xunta de dedicar principalmente o servizo a traslados cando a maioría das saídas que realizou no ano 2018 foron para atender emerxencias (530 por 281 viaxes interhospitalarios).

OTERO: PARA O PP OS MARIÑAOS “SOMOS NÚMEROS”

A parlamentaria socialista Patricia Otero denunciou a “discriminación constante” e “nula sensibilidade” demostrada polo Goberno galego coa atención sanitaria na Mariña. Para a Xunta de Galicia e o PP, “os case 80.000 habitantes da bisbarra somos só números, cartos” cos que “se permiten recortar nun recurso tan importante como é o transporte de emerxencias sanitarias”. Explicou que o servizo atende “patoloxías tempodendentes”, o que quere dicir que “a vida dos doentes corre perigo” e depende dun servizo óptimo.

Otero advertiu que garantir un servizo de calidade é “de sentido común”, e criticou que a de Foz sexa a única Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil de toda Galicia á que se lle suprimiu un dos dous TES que tiña ata o último concurso do servizo coñecido a finais de abril. Daquela constatouse que tampouco terán o segundo TES nas ambulancias de Monforte e Salnés, que non o tiñan dende o principio.

Tampouco quixo o PP reverter o recorte “inxustificado” do horario da ambulancia asistencial da Mariña, que tamén ten base en Foz, e que pasou de 24 a 12 horas de servizo, creando a “figura de pacientes de primeira e de segunda”.

Estes dous exemplos, dixo, son “unha mostra máis da discriminación constante coa Mariña” en materia sanitaria, como foi o “abandono de centros de saúde, a supresión da área sanitaria ou os recurtes de persoal que provocaron o progresivo deterioro da capacidade asistencial na Atención Primaria”. Otero relatou os problemas nos distintos centros de saúde da comarca, como en Burela, onde as seis enfermeiras non son substituídas nas súas baixas ou vacacións.

É o caso, continuou, da Pontenova, que leva sen cubrir a praza dun médico vacante dende abril, ou en Viveiro, onde gran parte do ano hai 2.000 nenos e nenas atendidos somentes por un pediatra.

O PP FALA DUNHA “MELLORA” BASEADA EN “ESTUDOS”

Pola súa banda, o voceiro de sanidade do PP, Aurelio Núñez Centeno, asegurou que as novas ambulancias de Monforte, Salnés e Foz, “dotadas de médico, enfermería e técnico de emerxencias sanitarias, garantirán a atención e o manexo de calquera paciente crítico, ademais de incrementar a supervivencia dos infartados, das paradas cardiorespiratorias ou o ictus”.

Núñez Centeno sinalou que estas tres novas ambulancias “forman parte dun novo modelo asistencial de atención ás urxencias e ás emerxencias que se está a implantar en Galicia” e representan un recurso de resposta inmediata para os traslados de doentes atendidos nos hospitais comarcais correspondentes e que teñan sufrido patoloxías graves tempo-dependentes, como un infarto agudo de miocardio, un ictus ou unha sepse”.

“Este servizo incorpórase como unha mellora baseándose en estudos que o 061 realiza periodicamente, cos datos de servizos realizados e de recomendacións e estudos científicos que avalían a calidade da atención coa dotación de recursos humanos”, sinalou.

Así mesmo, o portavoz popular asegurou que “se os estudos indican que se precisa unha ampliación deste servizo de transporte sanitario urxente procederase ao incremento de recursos e horarios, nestas ou en calquera outra comarca galega, garantindo a accesibilidade, a equidade e a eficiencia da asistencia de máxima calidade a toda a poboación galega”.

UNANIMIDADE NO PLENO FOCEGO

No pasado mes de setembro, o Pleno de Foz aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para instar á Xunta a restituír a dotación completa -de dous TES- na ambulancia medicalizada na Mariña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...