Un punto lila previrá contra a violencia machista nas San Lucas, que no 2018 xuntaron case 80.000 persoas

O servizo ubicarase na Praza do Concello os días 18, 19 e 20 de outubro, e ofrecerá asesoramento coa presenza de especialistas en igualdade

As San Lucas. TURISMO DE GALICIA

Con motivo da celebración da edición 863 das feiras e festas das San Lucas, o Concello de Mondoñedo e mailo Centro de Información ás Mulleres (CIM) mindoniense disporán un punto lila de asesoramento para a prevención da violencia machista. Este servizo ubicarase na Praza do Concello os días 18, 19 e 20 de outubro, en horario de 18.30 a 21.30 horas.

O stand forma parte da campaña ‘AgresiónOff: eu digo non á violencia sexual‘, impulsada pola Xunta de Galicia. A súa atención será prestada por técnicas con ampla formación e experiencia en materia de igualdade e violencia de xénero, quen farán unha actividade de prevención das agresións sexuais, por medio de folletos informativos e materiais especialmente deseñados para esta campaña.

Segundo os datos que manexa o Concello, no ano 2018 preto de 80.000 persoas achegáronse a Mondoñedo con motivo das San Lucas. O Goberno galego promove esta campaña ante o risco de sufrir unha agresión sexual en sitios de afluencia masiva de público, como son as feiras e festas.

ENQUISA

Ademais, nestes días porase en marcha unha enquisa a través das redes sociais do CIM e do Concello para coñecer de preto a información que sobre as agresións sexuais ten a sociedade en xeral. Esta enquisa estará dispoñible ata o 31 de outubro e os seus resultados daranse a coñecer durante o mes de novembro con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, para o cal xa se está a traballar na organización de actividades.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here