IniciosociedadeOperadores turísticos coñecerán este martes a Ruta da Faba de Lourenzá

Operadores turísticos coñecerán este martes a Ruta da Faba de Lourenzá

A mancomunidade organiza un fam-trip para espallar un produto turístico "con entidade propia"

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza este martes un Fam-Trip á Ruta da Faba ao que asistirán distintos operadores turísticos da Mariña e do resto de Galicia. O obxectivo desta acción, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, é impulsar e espallar ao resto do territorio que acolle a indicación xeográfica protexida (IXP) este produto turístico con identidade propia e que ofrece ao visitante unha experiencia diferenciada.

A xornada comezará coa benvida aos participantes no Centro de Interpretación da Faba ás 10.30 horas e rematará arredor das 18.00 horas na Cooperativa Terras da Mariña. Á cita acudirán 30 persoas.

QUINCE CONCELLOS PRODUTORES

A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explica que “aínda que o nome a relaciona, e con razón, ao concello laurentino, a IXP acolle actualmente a produción de Faba de Lourenzá en 15 concellos da Mariña Lucense. Debido ás características do solo e ás técnicas tradicionais empregadas no seu cultivo, as leguminosas producidas na Mariña Lucense presentan unha calidade excepcional contrastada”, expón.

Hermida conta que “ao Fam-Trip asistirán distintos operadores turísticos do propio xeodestino, pero tamén do resto de Galicia. Coñecerán esta iniciativa en primeira persoa guías oficiais, responsables das principais oficinas de turismo da Mariña e axencias de viaxes procedentes de Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago.

Así mesmo, están convidados os aloxamentos adheridos ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia que, tamén baixo o convenio asinado coa Xunta de Galicia, apoia a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense en colaboración coa de Ferrolterra Rías Altas. A Ruta da Faba é unha ruta que transcorre ao longo dunha xornada enteira por Lourenzá, un produto que se axusta a esta filosofía slow ao fuxir das présas, das masificacións e que busca, sobre todo, que o viaxeiro coñeza e se empape da cultura local”.

PATRIMONIO

Durante a xornada os operadores turísticos farán visitas guiadas polo patrimonio artístico de Lourenzá coma o Mosteiro e Igrexa de San Salvador, o Museo de Arte Sacro, o Muíño do Pereiro e o Pazo de Tovar. Haberá degustacións gastronómicas onde a Faba de Lourenzá, a faba verdina e os produtos da Mariña Lucense serán os protagonistas e ademais poderán adentrarse no mundo do proceso de cultivo desta leguminosa, visitando o Centro de Interpretación da Faba, a Cooperativa Terras da Mariña e, se a meteoroloxía o permite, visitar unha plantación e interactuar cos produtores.

Os encargados de darlles á benvida ao Fam-Trip serán o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e Paloma Vázquez, xefa de Área Provincial de Turismo en Lugo. A hora de inicio será ás 10.30 e o punto de encontro o Centro de Interpretación da Faba.

Hermida manifesta que “este tipo de experiencias relativas a produtos e procesos de elaboración, onde ademais se mestura o turismo industrial e agroalimentario xunto co turismo cultural e gastronómico supón non só un escaparate para as empresas ou produtos se non para o territorio que as acolle. Ademais, son experiencias que solen atraer a atención dun viaxeiro que realiza un gasto medio máis elevado que o turista cultural tradicional”, indica.

ENTRE MAIO E NOVEMBRO, ÉPOCA DE CULTIVO

A mellor época para realizar a Ruta da Faba atópase entre maio e novembro, meses propicios para o cultivo da leguminosa. Este feito fai que esta iniciativa contribúa, ademais de á diversificación da oferta do xeodestino, á posta en valor do patrimonio cultural, natural e gastronómico, e á desestacionalización.

Este Fam-Trip é unha acción que impulsa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense coa colaboración dos axentes artífices deste produto durante os obradoiros de deseño de rutas experiencias promovidos polo GDR – Terras de Miranda: a Cooperativa Terras da Mariña, o Pazo de Tovar, o restaurante O Forno de Tovar e o Concello de Lourenzá. Ademais da axencia de receptivo Mariñactiva, comercializadora a día de hoxe da Ruta da Faba.

O 2-N, PROGRAMA PARA O PÚBLICO EN XERAL

O vindeiro sábado, 2 de novembro, con motivo da ponte de Todos os Santos, Mariña Activa programa unha saída á Ruta da Faba para o público xeral. O horario aproximado da xornada é de 10.30 a 18.00 horas e o prezo de 55 euros adultos e 30 euros nenos (inclúe comida, entradas, guía, transporte e seguro). Para mais información e reservas hai que contactar no 683.40.18.65 ou en info@mariñactiva.com.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...