Loito en Foz por Minaene Franco, que “buscaba un futuro mellor”

Centos de persoas participaron na concentración silenciosa convocada polo IES

Minaene Franco. FACEBOOK

EFE. O director do instituto de Foz no que cursaba os seus estudos de Hostelería Minaene Franco, a muller de 36 anos asasinada supostamente polo seu fillo menor, afirmou que a vítima, cando “puido arranxar os papeis” para residir en España, “estaba buscando un futuro mellor”.

Nicolás Asensio fixo estas declaracións aos medios de comunicación logo da concentración silenciosa celebrada este martes no instituto focego, para expresar a repulsa da comunidade educativa ante este suceso, así como para escenificar a “máis unánime condena a calquera tipo de violencia“.

O director do centro confirmou que se fixo un “chamamento á comunidade educativa“, ao que responderon, ademais dos actuais compañeiros de Minaene, “pais, antigos profesores, antigos alumnos e membros da corporación municipal”.

 

“Estamos consternados. Neste caso aínda nos doe e estráñanos máis porque son xente próxima a nós e coa que conviviamos”, recoñeceu Nicolás Asensio, e “os mozos están doídos”.

Segundo as súas palabras, no centro nunca percibiron indicios dunha mala relación previa entre nai e fillo, porque ela “era unha persoa adulta que levaba o seu curso con total normalidade”.

“O seu fillo”, que estudaba actualmente no IES Monte Castelo de Burela, “fora alumno noso, con total normalidade. Fixera os mesmos estudos que calquera fillo noso, sacara o seu graduado en secundaria e continuara co seu ciclo”, precisou, mentres que “a nai, cando puido arranxar os papeis, estábase buscando un futuro mellor, cursando uns estudos do ciclo superior de Hostelería”.

“Unha familia en grao sumo normal, como calquera outra”, recoñeceu.

CONCENTRACIÓN NO CONSISTORIO

O pleno do Concello de Foz, que se reunirá a partir das 20.30 horas en sesión ordinaria, decretará tres días de loito oficial pola morte de Minaene Franco. O fillo da vítima e o seu presunto asasino, un rapaz de 17 anos, permanece en dependencias da Garda Civil á espera de pasar a disposición da Fiscalía de Menores.

Ás 20.00 horas, ante o consistorio, procederase á lectura dun manifesto de condena de “todo tipo de violencia”, consensuado por todos os grupos políticos con representación no Concello de Foz, e posteriormente gardaranse tres minutos de silencio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here