O colexio de Cervo, sen caldeira nova e con filtracións de auga en pleno mes de novembro

A Anpa denuncia que a escola segue "en obras" malia pasar "máis de 20 días desde a data de finalización" ofrecida pola Xunta

Filtracións de auga no ximnasio. AXM

A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do Ceip de Cervo emitiu este mércores un comunicado no que expresa o malestar das familias pola situación do centro, “que seguen a ser un recinto en obras malia pasar máis de vinte días da data de finalización“.

Unha das eivas que a Anpa sinala é que a nova caldeira de pellets, instalada en substitución da existente para unha mellora do plan enerxético, “debera estar funcionando hai un mes“. Ao contrario, denuncia o colectivo de nais e pais, a dirección do centro tivo que “pedir gasoil” o pasado martes para poñer a funcionar o depósito antigo, unha solución que non mingua a “frustración” da comunidade educativa por non “poder aproveitar” un “investimento tan grande”.

As familias explican tamén que hai filtracións de auga nalgunhas aulas “a través das fiestras recén instaladas, pero non rematadas, formando charqueiras“, ademais de “goteiras” noutros locais como vestiarios e aseos.

A Anpa explica ante a situación “de urxencia” debida “ao frío e ao temporal de auga“, tentou contactar coa Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento da Consellería de Educación, “sen obter resposta”.

O vindeiro venres, a iniciativa do Concello de Cervo, a directiva da Anpa e a dirección de obra reuniranse para abordar a situación.

COCIÑA SEN EXTRACTOR

Outra das queixas da Anpa é que a cociña do comedor “segue sen extractor malia a promesa da Consellería de reparalo haberá un mes”.

OBRAS EN HORAS LECTIVAS

O colectivo tamén critica que se está a realizar o groso das obras pendentes en horas lectivas, causando problemas “polo ruído de taladros e de maquinaria”. A agrupación considera “paradóxico” que nas horas nas que non hai actividade escolar “os traballos levan semanas sendo escasos”.

Desde a Anpa sinalan que o trato por parte da Subdirección Xeral de Construcións e Equipamento está a ser cordial, pero reclaman solucións a estes problemas, que segundo as familias a Xunta xustifica polo “mercado laboral” ou a situación “das empresas construtoras”.

INICIO DO CURSO CON RETRASO POLAS OBRAS

A reforma do centro educativo cervense, cun investimento próximo ao millón de euros, licitouse en maio e iniciouse a mediados do mes de xullo, cun prazo de execución de tres meses. Deste xeito, o curso comezou fóra do día de inicio fixado pola Consellería de Educación, dado que o pasado 11 de setembro o colexio non requería “as condicións de hixiene e seguridade” necesarias para a presenza das crianzas. Malia admitir retrasos “de quince ou vinte días” nos traballos en varios centros, a Xunta non quixo ofrecer unha data alternativa de inicio do exercicio escolar e os pais decidiron por unanimidade non levar os nenos á escola.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here