Alerta laranxa por temporal costeiro na Mariña desde a medianoite do xoves

Agárdanse ventos do sur ou do noroeste de forza 7 e mar combinado do noroeste con ondas de cinco a sete metros

A Mariña estará en alerta laranxa. AXM

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informou Vicepresidencia nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) avisa de que o fenómeno adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde a tarde deste xoves ao noroeste e ao oeste do litoral da provincia da Coruña e, a partir da medianoite, tamén se estenderá ao suroeste da costa coruñesa e á Mariña Lucense.

En concreto, espéranse ventos do sur ou do noroeste de forza 7 e mar combinado do noroeste con ondas de cinco a sete metros segundo a zona.

Ademais, no litoral de Pontevedra a alerta será de nivel amarelo tamén desde este xoves pola tarde por mar combinado do noroeste con ondas de catro a cinco metros.

RECOMENDACIÓNS

Debido ao temporal costeiro, a Xunta recomenda permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

Tamén, entre outras recomendacións, aconséllase a suspensión da actividades pesqueiras e marisqueiras como “medida preventiva”, destaca a Xunta, naquelas “zonas máis perigosas”, así como “extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións”, engade.

ALERTA AMARELA POR NEVE NA MONTAÑA

Así mesmo, a Xunta informou de que ao final deste xoves tamén se activa a alerta amarela por neve en zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense, que se prolongará ata a tarde deste venres.

Nestas zonas, indican as mesmas fontes, espérase acumulación de máis de cinco centímetros de neve en cotas ao redor dos 1.100 metros de altura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here