Encargado o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética do Hospital da Costa

A Xunta estima que as remodelacións suporán un aforro de 22.000 euros anuais en consumo enerxético

Obras de ampliación do Hospital da Costa. EIROS

A Xunta de Galicia encargou a redacción do proxecto para a reforma e mellora da eficiencia enerxética do Hospital da Costa. O estudo lucense Hérraez Arquitectura, que recibirá 43.000 euros, encargarase de definir os traballos a realizar para modernizar e reducir o consumo enerxético na parte antiga do edificio.

Segundo adiantou o goberno autonómico, as obras incluirán o revestimento da fachada e das cubertas cun sistema de illamento térmico e a súa impermeabilización. Ademais, substituiranse as portas e ventas exteriores das fachadas por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. A Xunta calcula que a execución das obras suporá un investimento duns 700.000 euros.

AFORRO ENERXÉTICO

Dacordo coas estimacións da Xunta, as remodelacións previstas no exterior do edificio suporán un aforro de 443.057 kilowatios hora ao ano, o que suporá unha redución do gasto enerxético estimada en 22.000 euros anuais.

O delegado territorial do executivo autonómico en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos completarán as obras de ampliación e remodelación do centro hospitalario –que comezaron en abril de 2016- , e que “son unha proba máis da aposta da Xunta por este centro sanitario”

No Hospital da Costa tamén se levará a cabo un plan de substitución dos sistemas de iluminación por outros de  tecnoloxía LED, así como sistemas de apagado automático en corredores ou estancias que non precisan de iluminación continua.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here