IniciosociedadeUn ano despois da riada, Xunqueira insiste en que se limpe a...

Un ano despois da riada, Xunqueira insiste en que se limpe a parte alta do río: “estamos abandonados”

A veciñanza temeu co temporal dos pasados días que rebordase de novo o Fontecova e reclama que se libre de árbores e maleza o treito alto do caudal

Publicada o

- Advertisement -

O pasado 18 de novembro cumpriuse un ano das riadas que asulagaron Viveiro, cos rebordamentos dos ríos Labrada e Fontecova, este último que pasa polo barrio de Xunqueira, onde perdeu a vida unha muller de 83 anos, Amparo Berdeal Camba. Doce meses despois, a veciñanza insiste na necesidade de limpar o treito alto do caudal, “cheo de árbores e de maleza“, o que podería provocar “un atasco” como o que, aseguran, causou a inundación. “Sentímonos abandonados“, expón o presidente da asociación veciñal, Alfonso Otero Regal.

Ademais de segar a vida dunha veciña, o rebordamento do Fontecova anegou decenas de vivendas e provocou escenas de terror. Momentos que pasaron de novo pola cabeza dos veciños hai uns días, cando as fortes chuvias provocadas polo temporal fixeron medrar o río, “ao que lle faltaron 20 centímetros para rebordar na curva do barrio e uns 40 na ponte medieval“, indica Otero Regal.

“Seguimos co mesmo problema. Córtase madeira e déixase alí. Se chove moito e hai unha retención de auga isto volve inundarse; non se fixo nada“, lamenta, para agregar que “a xente está cansada, cada vez que chove preocúpase”. Outro dos reveses foi a negativa do Goberno central de declarar a área, como solicitou o Concello, zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, que contempla axudas para os afectados.

“A XUNTA LIMPOU CON MAQUINARIA, PERO AQUILO ESTÁ CHEO DE ÁRBORES”

Malia que a Xunta insistiu en que a riada se debeu a chuvias “excepcionais”, que se repiten “cada 500 anos”, e propuxo varias medidas para evitar riscos, entre elas ampliar a sección do río no treito no que entra na poboación, os veciños de Xunqueira reiteran que “o problema é arriba. Aquilo está cheo de árbores, atravesados. A Xunta limpou con maquinaria, pero isto require de meterse máis a fondo, hai que baixar, limpar e cortar”, expón o directivo da agrupación.

Otero Regal explica que existe unha zona do Fontecova na que a caída “é impresionante, de 18 metros de longo por 4,60 de alto. A auga cae con moita forza; iso foi o que pasou, se ata levou por diante unha presa do século XVII“, indica. Ese día “houbo unha acumulación de auga que parecía o mar e que durou moi pouco”, lembra.

“De pouco poden servir as reformas que se fagan no barrio se non hai limpezas a fondo periódicas“, afirma Otero Regal, que tamén identifica outros puntos negros xa na zona urbana: “a ponte medieval ou unha casa que está medio caída e que entendemos que deberá ser expropiada”.

REFORMA DO BARRIO

A veciñanza espera ter novas “rápido” de Augas de Galicia, que se comprometeu a incorporar as achegas dos veciños no proxecto de reforma do barrio para evitar posibles inundacións. Sinala que se trata de “modificacións moi sinxelas, como deixar espazo para o paso dos vehículos de emerxencias, que o río quede como moito a dous metros das casas, ou un aliviadoiro para a ponte medieval”.

ESTUDAN PROTESTAS

A Xunta anunciou este mesmo martes, nunha efeméride que non semella casual, plans de prevención para as nove zonas de Galicia con maior risco de inundación, entre elas as áreas dos ríos Trasposta e Fontecova, e asegurou que “en cuestión de semanas” presentará a proposta para reurbanizar o barrio. Os veciños advertiran de que se non se teñen en conta as súas esixencias realizarán mobilizacións e unha recollida de sinaturas para reclamar a limpeza do río.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...