Sometido a información pública o plan para facer do castro da Atalaia “un parque-museo arqueolóxico urbano”

A Xunta de Goberno aprobou inicialmente o documento tralos informes favorables dos cinco organismos correspondentes

Zona da Atalaia, coa superficie do castro coloreada en verde. AXM

A Xunta de Goberno Local do Concello de Cervo aprobou inicialmente o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia, castro inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio no ano 2007, e situado na zona costeira do núcleo urbano de San Cibrao.

O documento foi referendado logo de recibir os informes favorables dos organismos correspondentes que son, neste caso, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Dirección Xeral de Mobilidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

20.000 METROS CADRADOS

O plan, que delimita toda a zona afectada polo xacemento -uns 20.000 metros cadrados-, regula os usos permitidos, compatibles e prohibidos sobre os elementos protexidos; e a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar, entre outros aspectos.

DOUS MESES A EXPOSICIÓN

Agora ábrese un período de información pública do documento durante un prazo de dous meses, e queda suspendido o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto do plan.

DEMOLICIÓN DAS EDIFICACIÓNS INUTILIZADAS

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, explicou que o plan pasa por “transformar o xacemento nun parque-museo arqueolóxico urbano; garantindo a adecuada conservación das estruturas orixinais, expropiando as parcelas necesarias para que o ámbito sexa de propiedade pública, o que nos permitiría demoler as edificacións que hai na zona. Con todo isto”, expuxo, “conseguiriamos un novo recurso de turismo cultural de gran relevancia para a nosa zona”.

O rexedor precisou que o plan “primará a protección integral do xacemento sobre calquera outro criterio de desenvolvemento urbano, garantindo unha mínima intervención no mesmo” de cara a favorecer o desfrute do asentamento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here