Vox di “non entender” o galego-asturiano e tenta boicotear o seu uso no Parlamento

O presidente da Junta General instou a Álvaro Queipo (PP) e Nuria Rodríguez (Podemos) a usar o castelán nas súas intervencións sobre a moción popular para oficializar o termo Ría del Eo

Xunta Xeral de Asturias. AXM

A aprobación por unanimidade da Junta General del Principado de Asturias dunha moción do Partido Popular (PP) para reclamar ao Ministerio de Fomento a oficialidade do topónimo Ría del Eo reabriu unha vella polémica que pareceu enterrar, no 2008, a decisión do Consello Superior Xeográfico de oficializar o termo Ría de Ribadeo para referirse ao estuario. Con todo, a propia defensa da iniciativa dos conservadores desatou outra controversia, ante a tentativa de Vox de boicotear o uso do galego-asturiano, a fala do Occidente de Asturias.

O deputado do PP, Álvaro Queipo, iniciou a súa intervención no Parlamento asturiano, polo que foi interrompido por Ignacio Blanco, do partido de ultradereita, que asegurou “non entender o galego” e esixiu ao representante dos conservadores que expuxese a iniciativa en castelán.

O USO DAS LINGUAS DE ASTURIAS, PERMITIDO NA CÁMARA

Malia que o regulamento permite aos deputados usar as linguas propias de Asturias, o presidente da Junta, Marcelino Marcos, pediu a Queipo que se dirixira aos deputados “de maneira que todos poidan comprendelo”. O deputado popular retomou a súa exposición en castelán.

A DEPUTADA DE UP CRITICA A “CARA DURA” DOS ULTRAS

A polémica reabriuse na quenda de Nuria Rodríguez, deputada de Unidas Podemos, que usou o galego-asturiano para dirixirse á Cámara. Os representantes de Vox, neste caso Sara Álvarez Rouco, tentaron boicotear de novo o uso da fala, asegurando non comprender o idioma.

Ante a petición, de novo, de Marcos para que utilizase o castelán, a representante de Unidas Podemos prometeu traducir a posteriori o exposto, pero finalmente negouse e continuou ata o final no mesmo idioma.

 

Así, concluíu que “hai que ter cara dura” para “dicir que se defende á xente do Occidente de Asturias sen falar a lingua dos traballadores e das gandeiras da zona” e, á hora de debater as propostas parlamentarias, “asegurar que non sabemos falar o mesmo idioma”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here