Sanidade, saneamentos, enerxía e infraestruturas centran as emendas do BNG mariñao ás contas da Xunta

A deputada parlamentaria Olalla Rodil presentou as modificacións propostas polos nacionalistas aos orzamentos do Goberno autonómico para 2020

Representantes do BNG, fronte ao centro de saúde de Foz. AXM

A deputada do BNG no Parlamento galego Olalla Rodil, acompañada de representantes nas corporacións e dos gobernos municipais na Mariña Lucense, presentou as emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 no que ten a ver con esta comarca, “onde o Partido Popular sigue sen facer caso ás vellas demandas”.

Estas demandas que o BNG traslada ao Parlamento en forma de emendas céntranse, asegura o partido frontista, “sobre todo na sanidade, nos saneamentos, as estacións depuradoras de augas residuais, nos abastecementos, nas infraestruturas, viarias, industriais, e portuarias, o solo industrial e tamén en temas de benestar coma centros de día ou escolas infantís, sen esquecer o medio ambiente, os espazos naturais e o medio rural“.

SANIDADE

As emendas neste eido céntranse na atención primaria, “pilar básico do sistema sanitario. Nesta comarca os centros de saúde veñen sufrindo continuos recortes que se manifestan en falla de medios materiais e humanos. Desde a perda de prazas médicas en diversos centros de saúde ata a non cobertura de prazas de xeito definitivo noutros concellos”, indican os nacionalistas, que critican tamén “a infradotación de fisioterapeutas na comarca, tanto no hospital como en primaria e infrautilización dos espazos que hai para fisioterapia”.

No tocante ao servizo de pediatría, é “deficiente en prazas e cobertura. Prazas de pediatría saturadas que acumulan meses de retraso nas consultas, como en Foz, prazas vacantes cada pouco tempo en Burela ou outras cubertas por persoal médico sen especialidade pediátrica e conxugando semanalmente a atención en varios centros de saúde como en Lourenzá, Mondoñedo e Barreiros“.

No ámbito da sanidade, tanto a parlamentaria Olalla Rodil como Ana Ermida, responsable comarcal do Bng, saíron ao paso das afirmacións feitas por directivos do Sergas nas que aseguraban que aumenta o número de médicos e enfermeiros na provincia, “cando a realidade é totalmente distinta a como nola contan”, afirman as nacionalistas, que puxeron como exemplo “a situación que está a sufrir o servizo de enfermería no hospital de Burela, onde se produce un abuso descarado nas condicións laborais das enfermeiras, e sen que se cubran as prazas que hai realmente”, e nese sentido manifestaron unha vez mais o apoio do Bng ás enfermeiras en loita.

Os nacionalistas demandan tamén a reducción das listas de espera así como o segundo técnico sanitario para a ambulancia medicalizada da Mariña.

SANEAMENTOS

No relativo aos saneamentos, o BNG fai fincapé “no saneamento no concello de Ribadeo, empezado pola Xunta e non rematado, e no de Barreiros, donde toda a zona costeira, ademais do interior, sigue prácticamente na totalidade sen rede de saneamento adecuada e cunha depuradora obsoleta e que non funciona, o que xenera graves problemas medioambientais e de salubridade, producíndose verquidos ás praias, e tendo que acotar o concello espazos de praia para, temporalmente, prohibir o baño”.

Outra demanda neste ámbito é a construcción dunha nova EDAR en Burela, “posto que a actual está saturada e xera serios problemas medioambientais e a cantidade que a Xunta consigna para 2020 é a todas luces insuficiente”, defende o Bloque. 

ABASTECEMENTOS

“Son moitos os concellos mariñaos que non teñen garantido aínda e en óptimas condicións o abastecemento de auga potable, como poden ser os casos de Cervo e Burela que siguen agardando polo dragado do encoro de Rúa, obra prometida como compensación pola segregación dos dous concellos hai máis de dúas décadas“, remarcan.

Demandan tamén os nacionalistas a renovación da acometida de auga desde Vilarbetote (Trabada) ata Ribadeo, que tén 40 anos e que abastece parroquias do municipio trabadense e é o subministro principal do concello de Ribadeo.

MEDIO AMBIENTE E MEDIO RURAL

“A limpeza, rexeneración e posta en valor do río Masma é outra das demandas ás que nunca se lle deu solución”, lamenta o BNG, que segue reclamando, “con vista á súa utilización como medio dun modelo de desenvolvemento turístico, pesqueiro, social e económico”.

ENERXÍA

A importancia da enerxía para A Mariña é vital, “tanto para unha empresa electrointensiva como é a factoría de aluminio de San Cibrao, coma para todo o tecido industrial mariñao, por iso o Bng demanda da Xunta un estudo para unha tarifa industrial estable con especial atención ás consumidoras electrointensivas“. Reclama tamén un programa de creación dunha Empresa Pública Galega para o sector enerxético.

VAP COSTA NORTE

A VAP Costa Norte San Cibrao-Ferrol que a propia xunta anunciara a súa finalización para 2017, “segue agardando, cun único tramo de sete quilómetros na Mariña”, denuncia o BNG, que demanda tamén “un proxecto de trazado de ampliación da estrada LU-161 Valadouro-Ourol-Viveiro“.

Desde Foz proponen a dragaxe da canle da entrada ao Porto de Foz e así mesmo a redacción do proxecto de dragaxe do peirao de Tupide e a reforma da bocana do peirao.

Outra das demandas é a construción do Polígono Industrial de Alfoz-Valadouro, infraestrutura para a que se demanda unha primeira inversión para o exercicio 2020.

O BNG contempla tamén o proxecto do tren galego de cercanías (GALTRÉN), no que habería que adecuar a ese fin a rede de Feve na Mariña e Ortegal.

BENESTAR

A ampliación da Escola Infantil A Galiña Azul en Foz, e a construcción dun centro de día no Valadouro completan a relación de demandas que os nacionalistas consideran básicas e moi necesarias para A Mariña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here