Convocado un pleno extraordinario o vindeiro luns para abordar a situación de Muebles Hermida

A tres forzas políticas, que acordaron a convocatoria por unanimidade, tentarán "implicar" a Xunta e Deputación ante a "crise" da empresa, na que os obreiros levan tres meses sen cobrar

Consistorio de Lourenzá. GOOGLE MAPS

A corporación municipal de Lourenzá celebrará, a petición do BNG e tras un acordo unánime das tres forzas políticas con representación, un pleno extraordinario o vindeiro luns, ás 20.30 horas, para tratar a situación que atravesa a empresa local Muebles Hermida, na que os traballadores sofren impagos das súas nóminas desde hai tres meses e que se debate entre a venta e o concurso de acredores

Os nacionalistas puxéronse en contacto con PSdeG-PSOE e PP para solicitar un acordo común de pleno extraordinario dada “a grave crise” que atravesa a empresa, con arredor de 95 empregadosA alcaldesa, a socialista Rocío López, explicou que a sesión plenaria do luns servirá para “mostrar o noso apoio a todos os traballadores e ao comité de empresa na súas reivindicacións, se ben non podemos deixar de lado que se trata dun problema no que debemos ir conxuntamente todos da man para intentar chegar á mellor situación tanto para e empresa como para os obreiros”.

López remarca as “repercusións moi importantes” que ten a situación da empresa “na economía, no comercio e no día a día do concello de Lourenzá”, polo que o pleno servirá para “poñer sobre a mesa todas as ideas dos tres grupos que formamos a corporación. Todo o que se acorde no pleno enviarémolo ás distintas institucións, tanto Xunta de Galicia como Deputación Provincial, tentando implicalos dalgunha maneira e que nos ofrezan algunha medida ou solución e un apoio para os traballadores e a empresa”.

A ALCALDESA PIDE “UNIDADE”

A rexedora expuxo que se entrevistou este venres cun dos responsables da firma. “Ambas partes son conscientes da gravidade da situación e da necesidade de buscar unha solución canto antes. É unha cuestión na que todos debemos remar na mesma dirección para buscar apoios noutras administracións, que isto se solucione e que os traballadores,  que sempre son os máis prexudicados, salgan disto da mellor maneira posible”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here