Fomento intervirá de novo na N-634 entre Barreiros e Abadín e en catro pasarelas sobre a N-642 en Foz

O luns comezarán os traballos nos pasos do concello focego e "nos vindeiros días" no tramo alternativo á A-8, no que o firme segue deteriorado malia actuacións a principios de ano

Obras na N-634 en Barreiros. AXM

O Ministerio de Fomento anunciou a través dun comunicado de prensa que iniciará “nos vindeiros días” obras de reparación do firme na N-634 entre os puntos quilométricos 572,280 (Barreiros) e 611,610 (Abadín).

Malia que o propio Goberno central intervira neste mesmo treito no pasado mes de xaneiro, o deterioro da estrada fará que o Ministerio de Fomento actúe de novo, indicando desde o Executivo estatal que “se planifican periodicamente investimentos naqueles tramos nos que se detecta a necesidade de actuar por circunstancias como o volume de tráfico, sobre todo pesado, ou a climatoloxía”.

Neste sentido, e dado que a N-634 supón unha alternativa á Autovía do Cantábrico (A-8), pechada con frecuencia pola néboa, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, ou o BNG pediron o seu arranxo, insistindo esta última formación no mal estado do tramo Vilamar-Celeiro de Mariñaos-San Cosme, co firme deteriorado e sen que ata agora o Ministerio actuase, agás algún parcheo puntual que non solucionou o problema”.

Tamén, neste caso desde o luns, Fomento executará traballos de reparación en catro pasos superiores con tipoloxía de vigas prefabricadas, situados na estrada N-642, entre os puntos quilométricos 29,700 e 33,900, no termo municipal de Foz (Lugo). O orzamento desta actuación ascende a 470.000 euros.

En tres dos pasos superiores o limitado gálibo vertical existente na actualidade entre a rasante da estrada N-642 e a cara inferior dos taboleiros, propiciou o impacto de vehículos nas vigas, o último deles no paso superior do punto quilométrico 29,700 o pasado 24 de xullo, polo que se procederá ao aumento dos gálibos mediante gateo do taboleiro das estruturas.

RESTRICCIÓNS NO TRÁFICO

Para a execución dos traballos previstos será necesario impoñer restriccións ao tráfico na N-642, habilitándose o paso alternativo por un carril regulado por semáforos en horario diurno e desvíos alternativos para a parte dos traballos de reparacións de vigas e as operacións de gateo dos taboleiros que se executarán en horario nocturno, quedando todas elas oportunamente sinalizadas e indicadas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here