O Pleno pedirá un carril de incorporación para acceder á ITV desde Burela e saír cara Foz

A corporación respalda por unanimidade a proposta do BNG, que cre que se evitarían "movementos perigosos" e realizada a partir de peticións veciñais e dun informe da Policía Local

N-642, á altura da ITV de Cangas de Foz. GOOGLE MAPS

O BNG de Foz acadou a aprobación no pleno de decembro dunha proposta para mellorar os accesos á ITV de Cangas de Foz. Actualmente a entrada e saída realízanse no mesmo sentido (dirección Burela) sendo imposible a reincorporación cara a capital municipal saíndo da estación ou incorporarse á mesma cando se vén dende o municipio burelao.

Segundo apunta o partido nacionalista, “numerosos usuarios da estación teñen solicitado facilitar o acceso a entrada e saída da estación de ITV tamén dende Burela e cara a Foz evitando movementos perigosos de tráfico especialmente de vehículos pesados“.

A Policía Local de Foz elaborou un informe, explica a formación frontista, “no que se elabora a petición de usuarios, unha proposta de modificación do pintado da estrada para poder facer accesible estes movementos, considerándose viable por ancho de firme e condicións de seguridade, habilitándose cun repintado que dispuxese un carril de incorporación para poder facelo con garantías”.

O PINTADO DO FIRME, PENDENTE TRALO ASFALTADO

Despois do asfaltado desta estrada e pendente da capa de rodadura, permanece aínda -un tempo que o BNG considera “excesivo”- sen realizarse o pintado definitivo do firme.

“Sendo esto necesario e facendo da necesidade virtude, pode ser un bo momento para que cando se faga o pintado se habilite esta mellora, facendo posible esta aspiración dos veciños”, explica o Bloque. Así, a corporación aprobou por unanimidade a moción para instar a Fomento que nese repintado teña en consideración habilitar o carril de incorporación para a entrada e saída da ITV na N-642 no punto quilométrico 39,4.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here