IniciosociedadeConta atrás para que o Xulgado de Viveiro conte cunha sala de...

Conta atrás para que o Xulgado de Viveiro conte cunha sala de espera para vítimas de violencia de xénero

A Xunta reorganizará espazos con locais cedidos polo Concello trala denuncia de funcionarios, que advertiron da falta dunha estancia para atender con dignidade a estas persoas

Publicada o

- Advertisement -

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañados da alcaldesa, a socialista María Loureiro, e de edís do PPÓscar Rodríguez– e Son ViveiroLuis Manuel García Otero– visitaron este venres o edificio xudicial de Viveiro, onde o Goberno autonómico está a programar, anunciou, diversas melloras para habilitar novos espazos para arquivo xudicial e instalar novos sistemas de vixilancia.

Para mellorar os espazos, o Concello de Viveiro cedeu á Xunta a planta baixa e parte da primeira, onde se atopaba anteriormente a biblioteca municipal. Xa se procedeu a baleirar e limpar estes espazos, de xeito que en próximas datas se poderá dar comezo progresivamente ao traslado do arquivo xudicial a esta nova ubicación.

Deste xeito, grazas á colaboración institucional, poderanse reordenar máis espazos, xa que o traslado do arquivo liberará, á súa vez, espazos que se aproveitarán para outros fins, entre os que destaca a habilitación dun espazo axeitado para a atención ás vítimas e, nomeadamente, das vítimas de violencia de xénero.

Foron dous traballadores do Xulgado de Viveiro quenes denunciaron, no pasado mes de abril, a falta dunha sala de espera para estas persoas, que se vían obrigadas a esperar para denunciar os seus agresores nun espazo cercado pola documentación e con mobiliario suxo e escaso.

SERVIZO DE CATALOGACIÓN DO ARQUIVO

A Xunta expón que tamén se vén de contratar “un servizo de acondicionamento e catalogación da documentación xudicial custodiada no arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Viveiro“. Estes traballos, dotados cun investimento de 19.000 euros, céntranse na descrición, ordenación e clasificación da documentación xudicial e codificación das series documentais, segundo indica o Goberno autonómico. “Isto permitirá posteriormente a realización dun proceso de expurgo. Estas melloras terán continuidade nos vindeiros anos, co obxectivo de acondicionar a totalidade do arquivo xudicial de Viveiro”, remarca.

MELLORAS NA VIXILANCIA

Por último, mellorouse a vixilancia do edificio xudicial mediante a incorporación de novos sistemas. En concreto, en Viveiro investíronse algo máis de 14.000 euros para instalar un novo sistema CCTV, dotado de oito cámaras (sete interiores e unha exterior), un monitor de 24 pulgadas, un gravador, dous discos duros, un sistema de alimentación ininterrompida e o equipamento necesario para que funcione correctamente, subliña a Xunta.

REVISIÓN DOS FONDOS BIBLIOGRÁFICOS

O Concello explica que realizou “as xestións oportunas” para a cesión gratuíta de varios locais de titularidade municipal para satisfacer estas demandas a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o acordo adoptado polo pleno municipal o 4 de novembro de 2015. Naquel momento, o equipo de goberno liderado por Melchor Roel “impulsou esta cesión vendo os recortes que se viñan producindo nos xulgados”, indica Loureiro.

Despois dunha “longa tramitación”, o expediente de cesión está concluído e o Concello ten posto a disposición da Xunta os locais cedidos. A Dirección Xeral de Xustiza, a petición do executivo municipal, concedeu un prazo de tempo para rematar de revisar os fondos bibliográficos que permanecían almacenados neses locais, onde anteriormente se ubicaba a biblioteca municipal. Estes traballos rematarán a finais da vindeira semana, precisan desde o executivo local.

O CONCELLO RECLAMA UN TERCEIRO XULGADO

Loureiro, pola súa banda, reclamou á Xunta de Galicia a ampliación do edificio dos xulgados e a creación dunha terceira sala de Primeira Instancia e Instrución. “Entendemos que o Concello cumpriu e agora toca reclamar a creación dese terceiro xulgado; consideramos ademais que coa posta a disposición destes locais se atenden as demandas dos traballadores do Xulgado, cando indicaban que había pouco espazo e era necesario habilitar unha sala especial para atender as mulleres vítimas de violencia de xénero”, asegura Loureiro.

Os propios traballadores dos Xulgados de Viveiro alertaron dunha carga de traballo do 215% -isto é, 115% máis do que pode asumir polos medios cos que conta-, unha circunstancia advertida polas inspeccións do Consello Xeral do Poder Xudicial. Dende o Concello, sinala Loureiro, “tamén se requirirá máis persoal á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...