O PSdeG esixe á Xunta garantías de continuidade para os paridoiros de Burela e Monforte

Patricia Otero reclamou ao goberno galego "accións concretas para reverter a política de perda de servizos sanitarios no rural"

Feijóo, con persoal do hospital durante unha visita a Burela. AXM

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiu á Xunta de Galicia que garanta a continuidade dos paridoiros comarcais galegos, especialmente os de Burela e Monforte e que aclare se estenderá o peche do centro de Verín a outros centros sanitarios do rural.

Desta forma, a deputada lucense presentou esta semana unha batería de iniciativas parlamentarias contra “este tipo de políticas de peche de servizos” que, segundo ela, “ameaza con seguir o mesmo futuro que o paridoiro de Verín” aos centros de Monforte, con 318 nacementos rexistrados en 2018 e de Burela, con 350, por ser cifras “insuficientes” para a Xunta.

Otero reclamou ao goberno galego “accións concretas para reverter a política de perda de servizos sanitarios no rural” que, segundo sinalou, levará a un maior descenso de poboación xa que a retirada de servizos actúa como elemento disuasorio á hora de fixar ou atraer xente” ás comarcas máis pequenas.

Así mesmo, apuntou que este modelo “prexudica especialmente ás mulleres, ás que se lles quita a posibilidade de dar a luz no centro máis achegado” ademais de que “a última etapa do embarazo se converte nun rosario de desprazamentos entre o domicilio e o hospital afastado” xa que desde os primeiros síntomas ata o ingreso definitivo poden “pasar varios días”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here