O BNG de Cervo denuncia “abusos da dirección” e “represalias” contra as obreiras da residencia

Os nacionalistas acusan a Mensajeros de la Paz de "caos organizativo" e "mala praxis empresarial" e ao Concello de "desentenderse" dun centro de titularidade municipal

Residencia de Cervo. AXM

O BNG de Cervo denunciou este luns a través dun comunicado de prensa que “persisten os problemas” na xestión que a entidade Mensajeros de la Paz realiza por concesión da residencia-centro de día de San Cibrao, de titularidade municipal. O partido nacionalista alerta de “abusos da dirección sobre o persoal” que “poderían afectar á atención dos usuarios”.

A formación frontista acusa á dirección da empresa de “caos organizativo e de xestión dos recursos humanos”. Afirma que “dende a apertura do centro cambiou case a totalidade do cadro de persoal (maioritariamente mulleres), nuns casos por renuncias e noutros por despedimentos, o cal pon en evidencia a nefasta xestión de persoal da dirección”, argumenta.

O Bloque critica que segue Mensajeros de la Paz “segue sen realizar cadrantes de quendas con antelación suficiente para permitir a conciliación persoal e laboral das traballadoras, dificulta e impide o desfrute das xornadas de libre disposición ás que se teñen dereito por convenio, toma represalias contra as traballadoras que demandan os seus dereitos e sobre todo, é incapaz de xestionar con eficacia as arredor de 30 persoas empregadas para crear un bo ambiente de traballo que poida transmitirse logo ás persoas usuarias a través duns coidados e atencións excelentes como as que se merecen”.

Nese sentido, a formación frontista remarca as repercusións que sobre os usuarios do centro “teñen a mala praxis empresarial, as deficiencias de uso das instalacións, o caos organizativo” ou “os abusos sobre o persoal”.

INSPECCIÓN DA XUNTA

Os edís nacionalistas na corporación cervense, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, explican que unha inspección da Consellería de Política Social realizada en outubro, días despois de que o BNG denunciara no pleno municipal problemas de xestión, “constatou a existencia de até dez deficiencias“.

Segundo o informe, “entre as eivas nas instalacións, atopáronse con timbres de chamada de emerxencia inaccesíbeis en baños comúns e de residentes, baños xeriátricos inutilizados por usarse para almacenamento de diverso material no segundo e terceiro andar, portas de emerxencia pechadas con bridas imposibilitando o seu normal uso en caso de necesidade, ou dous cuartos de residentes pechados por filtracións de auga nos seus baños, a pesar de que existe demanda de prazas e están impedindo dar servizo a persoas que o necesitan”, relatan.

Ademais desas, destacan a gravidade de que tamén se detectaran “faltas de valoración sanitaria de persoas usuarias que sufriron caídas“. A dirección do centro alegou, na súa contestación á Consellaría o pasado 21 de novembro, que estas deficiencias xa estaban corrixidas. Non obstante, “algunhas permanecen sen resolver”, indica o BNG cervense.

BATERÍA DE PREGUNTAS

Por último, desde a formación nacionalista anunciaron a presentación dunha batería de preguntas no Concello “co fin de verificar cal é o papel que xoga o goberno municipal neste desastre como titular das instalacións e administración máis próxima responsábel de velar polo bo funcionamento deste servizo”.

Fernández acusou ao goberno municipal de “desentenderse da situación” desde o mes de outubro, cando a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, anunciara unha reunión co cadro de persoal como resposta ás denuncias que o BNG de Cervo realizara durante o pleno municipal. Porén, “tal xuntanza non se produciu, e os problemas que denunciamos no seu día seguen existindo e únenselles agora outros novos”. O voceiro nacionalista insiste en que o “Concello de Cervo ten que velar polo cumprimento da legalidade e as cláusulas da concesión por parte da empresa concesionaria, porque ademais de ser a súa obriga, no facelo ten consecuencias na calidade do servizo”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here