Renfe confirma o recorte da venta presencial de billetes ao PSdeG, que pide compras “rápidas e doadas”

Os socialistas galegos transmitiron á operadora a "preocupación" en vilas como Burela ou Viveiro pola supresión do servizo

Estación de Viveiro. WIKIPEDIA/DURA-ACE

O vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE e coordinador dos socialistas galegos nas Cortes, Pablo Arangüena; o coordinador da Comisión Interparlamentaria dos socialistas galegos, Xaquín Fernández Leiceaga, e os deputados no Congreso Ana Prieto, Mariña Ortega, Anxos Marra e Guillermo Meijón, membro da dirección do grupo parlamentario socialista, reuníronse na tarde do martes en Madrid co presidente de Renfe, Isaías Táboas, a quen lle trasladaron “a preocupación existente” entre os usuarios galegos das estacións nas que se suprimiu a venta presencial de billetes de tren, entre elas Burela e Viveiro.

Os socialistas galegos solicitaron “que en todas elas se habiliten de forma inmediata as medidas oportunas que permitan aos usuarios a compra de billetes de xeito rápido, sinxelo e eficaz. As mencionadas medidas”, incidiron, “deberán ser revisadas con asiduidade para garantir o seu bo funcionamento”.

A este respecto, o presidente de Renfe comprometeu ante os socialistas galegos que en Galicia e no resto de España “se implantarán as medidas necesarias para garantir unha adecuada atención aos viaxeiros nas pequenas e medianas estacións”.

Así mesmo, Táboas subliñou a licitación “do maior contrato da Historia para proximidades, con 3.000 millóns de euros, que suporá a medio e longo prazo a modernización dos medios materiais da rede de proximidade de Galicia”.

DETERIORO DO FERROCARRIL DE PROXIMIDADE

Arangüena sinalou que “como consecuencia das desacertadas políticas do PP en Madrid e na Xunta de Galicia, con recortes en liñas, servizos, frecuencias de trens e mantemento de estacións, produciuse durante os últimos anos un paulatino deterioro do tren convencional e de proximidade en Galicia que é necesario revertir sen prexuízo da inminente finalización do AVE”.

Neste sentido, subliña a importancia de apostar por un modelo de transporte “máis sostible“, baseado no transporte de persoas e mercancías por ferrocarril, polo seu menor custo social e ambiental respecto ao modelo actual. Do mesmo xeito, recorda que o ferrocarril en Galicia xoga un importante papel para a vertebración e cohesión territorial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here