Acisa proporá aos seus socios reembolsar o diñeiro aos clientes que fagan devolucións

A directiva quere que o comercio ribadense compita "co comercio online e as grandes superficies" cunha iniciativa que o convertería "nun referente en Galicia"

Festa do Comercio de Acisa. AXM

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acisa) de Ribadeo convoca aos seus socios á asemblea xeral ordinaria que se celebrará o 30 de xaneiro. Terá lugar no salón de actos da antiga casa sindical, na Avenida de Galicia 20-baixo, ás 20.30 horas. Na xuntanza debaterase, entre outras cuestións, reembolsar o diñeiro recibido polos artigos devoltos.

RINLO, REFERENTE GASTRONÓMICO

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, adiantou que “se someterán a debate dúas novas propostas para este ano sobre as políticas de devolución de artigos e a promoción e fomento dos barrios mariñeiros. Neste último caso, podemos adiantar que é un proxecto no que estamos traballando e que tratará de potenciar o conxunto de Rinlo e o porto deportivo como referentes gastronómicos, así como a súa beleza, sendo visita indispensable para os turistas que ano tras ano se achegan a Ribadeo”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, explicou que “a proposta sobre as devolucións de artigos converteranos en referente probablemente en toda Galicia e trata de equipararnos e competir en igualdade de condicións coas grandes superficies e o comercio online. A proposta é que os comercios devolvan o diñeiro en efectivo aos seus clientes cando fagan unha devolución”.

CUESTIÓN POLÉMICA

Pérez engadiu que “somos conscientes de que é un tema que pode xerar diferenza de opinións entre os socios, de aí que decidimos presentalo como proposta a someter a debate e votación. Na asemblea explicaremos detidamente como queremos levar adiante esta iniciativa. Este ano ademais incluímos un punto na orde do día para abordar especificamente as axudas ás diferentes asociación ou entidades de Ribadeo, comisións de festas e clubs, co fin de que quede perfectamente definida a liña de traballo para todo o ano”, concluíu.

ELECCIÓNS Á NOVA DIRECTIVA

Iriarte anunciou que “tal e como mandan os estatutos vanse convocar eleccións para renovar a xunta directiva, na asemblea daremos conta do proceso e das datas”, rematou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here