“Co termo slow buscamos turismo de calidade, que manteña a nosa autenticidade e que veña todo o ano”

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, explica en que consistirá a participación do colectivo en Fitur, do 22 ao 26 de xaneiro

Alfredo Llano. AXM

A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense desembarcará esta semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará do 22 ao 26 de xaneiro, coa palabra slow por bandeira. A agrupación de concellos da bisbarra aspira con este termo a posicionarse como xeodestino para aqueles que buscan tranquilidade e natureza, autenticidade e cultura.

Así o explica o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, que remarca a importancia do encontro para darse a coñecer e tamén para aprender.

Que significa Fitur a nivel turístico e por que debe estar A Mariña na feira?

Fitur é un escaparate enorme, a nivel mundial, que che dá unha perspectiva para saber que se está a facer no ámbito do turismo en todo o mundo. Podes coñecer as tendencias e as oportunidades que hai, como se xestiona. Só por iso, para aprender, merecería a pena acudir. Ademais, é unha maneira boa de establecer contactos, con touroperadores, con persoas de diferentes culturas e países, de poñerte en contacto con xente que che pode axudar no desenvolvemento turístico da comarca.

Sabemos que hai xente que pregunta por que imos aí e que dubida do impacto que poida ter na comarca unha feira con tanta oferta e tanta variedade, onde as cousas poden quedar un pouco diluídas, pero está claro que se nota. Na Mariña, hai que ter en conta que no 2018 fomos o segundo xeodestino que máis medrou de Galicia. No 2019 fomos o único da provincia que continuou medrando. Fitur é un medio para presentarnos, ante touroperadores, ante a prensa especializada, que dá resultado a medio-longo prazo.

PRESENTACIÓN

Cal será a participación da bisbarra neste encontro?

Estaremos no stand conxunto con Galicia, na provincia de Lugo. Participaremos do que aconteza alí, levaremos dípticos, e faremos unha presentación -o xoves 23, ás 17.00 horas- penso que singular e novidosa. A través do turismo slow, visibilizaremos o noso potencial turístico. Eliximos esa palabra para diferenciarnos e apostar por unha actividade turística que non sexa só en verán, senón para gozar tranquilamente durante todo o ano. O que queremos é unha fluidez de xente durante todo o curso, desestacionalizar as chegadas. Xa sabemos que xullo e agosto non precisan de moita publicidade, pero os outros dez meses requiren de alternativas, e alternativas sostibles.

CINCO EXPERIENCIAS

Deste xeito, apostaremos por promocionar Turismo Slow Norte de Galicia, as Rutas de Artesanía, as Audioguías Ficcionadas, as Xeorutas, a Ruta da Faba e a gastronomía do territorio como cinco experiencias dese tipo de turismo, tranquilo, sen agobios, que chaman slow. Imos presentar cinco vídeos, de un minuto cada un, para amosar as nosas virtudes alí.

Tamén iremos a outras presentacións colectivas que se fagan de Galicia, estaremos o venres defendendo o turismo galego. Tamén visitaremos oficialmente o stand de Cabo Verde, pola relación que existe con Burela, a fin de facilitarnos a labor para que haxa visitas cara A Mariña desde este país e tamén desde aquí cara alá.

Ademais, concertaranse reunións con touroperadores co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos coma de produtos do xeodestino, coñecer os servizos que se ofrecen na Mariña Lucense, para ampliar a presenza do xeodestino nos seus programas e a inclusión da bisbarra entre a súa oferta.

CALIDADE SOBRE CANTIDADE

Farán fincapé na calidade sobre a cantidade.

Exactamente, en buscar ao viaxeiro que non pensa en visitar un montón de sitios durante unha viaxe e andar correndo, senón en desfrutar e descubrir. O que queremos é promocionar A Mariña como xeodestino integral, todos os concellos como un conxunto, unha oferta común, e que a xente veña todo o ano. Buscamos un turismo de calidade, e non só para os turistas, senón tamén para a propia poboación da comarca.

O turismo masivo, que despraza, que altera as particularidades de cada sitio, non é beneficioso para nós. Nin os pobos da Mariña Lucense poden perder a esencia nin os turistas deben vir á bisbarra a sentirse incómodos e fóra dun contexto natural. Queremos que convivan a autenticidade das poboacións da comarca coa xente que vén de fóra.

OS “ANFITRIÓNS”, CHAVE

A Mancomunidade tamén revindica a figura do “anfitrión”, á poboación da Mariña como un atractivo turístico máis.

A xente da Mariña Lucense é moi receptiva, admite perfectamente que veña xente de fóra, e é moi amable con ela, atende ben. Os viaxeiros diranche que que aquí se senten a gusto. Os turistas saben que poden participar das actividades sen problema, iso si que o notan. De xeito que os mariñaos son unha parte moi importante de todo este entramado; sen convive, se fan amizades, se favorecen a conexión, é a principal culpable de que teñamos éxito como xeodestino.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here