A modificación da delimitación do núcleo rural de Bordón enfronta a Goberno e PP de Lourenzá

Os populares ven "un precedente grave" pois permitirá "construír cando a licenza era para rehabilitación" e o Concello ínstaos a ofrecer alternativas á demolición

Pleno extraordinario en Lourenzá para abordar a situación de Muebles Hermida. AXM

Goberno local de Lourenzá e Partido Popular (PP) polemizaron este martes pola recualificación da delimitación do núcleo rural do Bordón, que segundo os conservadores senta “un gravísimo precedente” pois “permite legalizar unha construción privada cando a licenza municipal solicitada e concedida era para obras de rehabilitación de vivendas“.

Segundo expón o voceiro do PP laurentino, Javier Rodríguez Barrera, o executivo municipal, que aprobou a modificación da delimitación do núcleo rural cos votos a favor do PSdeG-PSOE e trala abstención do BNG, “quérenos facer cómplices do intento de legalizar unha obra pola porta de atrás. É inmoral”, asegura o edil conservador.

Rodríguez Barrera advirte de que “no caso de querer construír obra nova, sería necesario modificar a cualificación do solo antes de comezar os traballos, unha fórmula legal segundo a normativa vixente, e non despois”. Deste xeito, argumenta que, “con isto, o Concello está a trasladar aos veciños que se pode pedir licenza para unha cousa e logo facer o que se queira”.

“PROBLEMAS” PARA AS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS

O PP de Lourenzá alerta de que esta recualificación pode afectar negativamente aos veciños que levan toda a vida asentados na zona á hora de ampliar as edificacións da súa explotación gandeira”. Nese sentido, o grupo municipal conservador critica que “dende o goberno local non explicaran esta situación aos veciños da zona” e, polo tanto, que “non os tiveran en conta”.

Os populares laurentinos quixeron deixar claro que “o último que queremos é que tiren a vivenda porque cremos que non molesta a ninguén, que está mellor que o que alí había antes -unhas ruínas cheas de maleza-, e que pode ofrecer algo a Lourenzá”. Con todo, lamentan a actuación do goberno municipal do PSOE á hora de permitir esta recualificación nun caso no que ten aberto un expediente a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) coa que o Concello ten asinado un convenio para velar pola aplicación da normativa urbanística vixente.

Rodríguez Barrera esíxelles aos socialistas que “melloren os mecanismos para que isto non volva suceder” e que se limiten a “cumprir coa lexislación vixente como é a súa obriga como responsables da administración local” á vez que “empreguen as súas competencias para a mellora da vida da veciñanza”.

OS SOCIALISTAS ACUSAN AO PP DE “EMBARRAR” A POLÍTICA

Pola súa banda, o Concello de Lourenzá explicou que a solicitude de modificación da delimitación do núcleo rural do Bordón foi presentada “por un particular, cos informes técnicos favorables correspondentes, e non o equipo de goberno, como dan a entender os populares”.

“Este expediente xa aparecía na orde do día do pleno ordinario do mes de novembro e deixouse sobre a mesa, a petición dos grupos da oposición, para que fose analizado pola xunta de voceiros. Esta xunta reuniuse cos interesados, que lles expuxeron os motivos da súa solicitude. Volve presentarse a solicitude, na sesión plenaria de xaneiro, e o voceiro popular le un escrito cun argumentario que parecía saído da mesma autoría que os que se facían na anterior corporación”, expón o executivo municipal.

“Di (Rodríguez Barrera) que non queren que se derrube a construción que, polo visto, está afectada por un expediente da APLU. Que solución ofrecen? Hai algunha outra forma posible? Din os populares que esas modificacións deben facerse antes; cabe lembrarlles que esta obra foi solicitada cando gobernaba o PP“, argumenta o Concello, que asegura esperar que os conservadores “estean xa traballando nas alegacións que poden presentar antes da aprobación definitiva, que lle corresponde á Dirección Xeral de Urbanismo. De non facelo serían uns irresponsables e quedaría demostrado que o único que lles interesa é embarrar a política municipal”, conclúe.

Neste sentido, o goberno de Lourenzá critica que o PP “volve á vella política de bronca e descualificacións que tan bos resultados lles deu coa voceira anterior: a da mentira para descualificar ao executivo e ao outro grupo da oposición. Ten graza que o Partido Popular de Lourenzá se dedique a dar leccións de política urbanística despois dos coñecidos casos que deixaron en herdanza da súa etapa no Concello”, conclúen os socialistas.

SERVIZOS SANITARIOS

O equipo de goberno de Lourenzá manifesta tamén que “neste último pleno aprobouse, cos votos favorables dos grupos socialista e nacionalista e o voto en contra dos populares, unha moción presentada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña para a mellora dos servizos da área sanitaria da Mariña. Queda demostrado con esta votación o pouco que lles preocupa o benestar dos seus veciños e veciñas. Alegaron para non aprobalo algo tan pouco crible como que non tiñan tempo para estudalo. Non sería que non se atrevían a aprobalo sen o consentimento da man que mece o berce, que non estaba presente ese día?”, pregunta o executivo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here