A Santina, un recuncho de Asturias no corazón da Mariña

A colonia asturiana pregoará este martes as festas de San Lourenzo de Foz

Celebración da Santina no 2017. AXM

A principios dos anos 70 do século pasado, Asturias padecía unha crise ecónomica e social. Gijón perdía o seu pulso industrial e empresas con case mil traballadores, como a eléctrica Crady, fundada no 1957 e que resistiu ata o 2012, presentaban expedientes de regulación de emprego. Á altura do 1983, o 20% da poboación activa da cidade estaba no paro, con 9.000 mozos á procura do seu primeiro traballo.

A Mariña, pola contra, vivía a transformación provocada por Alúmina-Aluminio e foi a solución para moitas das persoas descabalgadas pola recesión. Galicia deulles unha oportunidade e os traballadores asturianos responderon co seu esforzo. O Concello de Foz vén de premiar a integración dos obreiros e das súas familias: a asociación A Santina pregoará este martes as festas patronais de San Lourenzo (20.00 horas, casa da cultura).

“o 99% viñemos para traballar en alúmina-aluminio. en asturias había unha crise industrial tremenda”, di un dos membros

É un detalle precioso. Será un pracer e un orgullo para nós pregoar as patronais”, sinala un dos dirixentes da agrupación, José Luis Suárez Muñiz. Este avilesino chegou hai máis de catro décadas á Mariña “para traballar en Alúmina-Aluminio, como o 99% dos asturianos que vivimos aquí. A crise foi moi forte en Asturias”, apunta. Hoxe, tan galego coma asturiano, participa no tecido asociativo de Foz, no colectivo Os Sendeiros.

A integración, apunta Suárez, “foi moi boa desde o principio”. Cre que un dos motivos é unha especie de irmandade que se creou no sector pesqueiro entre mariñaos e asturianos. “Os barcos do bocarte desta zona e os de Asturias coincidían moitas veces en lugares coma Bilbao, e sempre houbo bo trato, un certo sentimento de comunidade”, argumenta.

“os barcos do bocarte asturianos e galegos sempre tiveron camaradería. iso facilitou a nosa integración”

35 ANOS DE SANTINA EN FOZ

Hai 35 anos, o colectivo asturiano en Foz uniuse para celebrar unha festividade que ten unha forte carga identitaria. “Aínda que non sexas relixioso, A Santina é emblemática para todos. Non coñezo a moitas persoas da miña terra que, sexan devotos ou non, nunca visitasen Covadonga”, explica Suárez.

Nenos na pasada edición da Santina. AXM

Os festexos, cada mes de setembro, xuntan a centos de persoas, “case tantos galegos ou máis ca asturianos”, asegura. Que non pode faltar na celebración? “A sidra”, ri Suárez. “Nin tampouco os ovos cocidos nin os bolos preñaos”. Cada ano, o colectivo entrega un Escanciador a unha persoa merecedora dese galardón: desta volta será Antonio Núñez e a súa familia, polo seu compromiso coa Santina.

Logo de 35 anos na Mariña, os membros da Santina son parte desta terra e tamén testemuñas privilexiadas do seu cambio, algo que dalgún xeito reflectirá o pregón. “A evolución foi tremenda, valóroa moitísimo. É posible que agora a nivel turístico estea un pouco máis masificado, pero houbo moita melloría. Non só por Alúmina-Aluminio, senón tamén polo Hospital da Costa ou os portos de Burela e Celeiro”, afirma Suárez.

MESTURA DE ACENTOS

O apego dos asturianos por Foz é doado de comprobar. “Ás veces é incrible. Vas polo medio da vila e escoitas tanto acento asturiano como galego. Hai moita xente que vivimos aquí e moitísima que ten a súa segunda residencia”, expón Suárez. O pregón deste martes servirá para lembrar que A Mariña, cos seus potenciais e defectos, tamén se construíu coa achega dos veciños da outra beira do Eo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here