Augas de Galicia limpará cinco ríos do municipio de Viveiro, entre eles o Landro e o Trasposta

O ente hidráulico da Xunta actuará tamén no Loiba, outra das áreas consideradas con risco de asulagamento, e no Loureiro e As Nogueiras

Río Landro. TURISMO DE GALICIA

Augas de Galicia anunciou que iniciará o vindeiro 3 de febreiro un proxecto de conservación fluvial que afectará a 6,1 quilómetros dos ríos Landro, Trasposta –un dos tres, xunto ao Fontecova e o Xunqueira, que desataron a riada que custou a vida dunha veciña en novembro do 2018, Loureiro, As Nogueiras e Loiba ao seu paso por nove parroquias do concello de Viveiro.

Os ríos Landro, Trasposta e Loiba son algunhas das áreas de risco de asolagamento identificadas por Augas de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a previsión é que os traballos estean rematados antes de finais de mes.

6,1 QUILÓMETROS DE CAUCE AFECTADOS

O ente hidráulico, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, actuará sobre case 3,7 quilómetros do río Landro en distintos puntos das parroquias de Chavín, San Pedro de Viveiro, Landrove, Magazos e Galdo. Tamén nun quilómetro do río Loureiro, en Valcarría e San Pedro de Viveiro; 550 metros do Trasposta en Viveiro -á altura do Camiño do Campo da Urraca-, 270 metros do Loiba en Covas e 600 metros das Nogueiras en Celeiro.

Os principais labores consisten na retirada de árbores, ramas caídas e madeira morta no curso fluvial. Tamén se van realizar desbroces selectivos de especies arbóreas e arbustivas en ribeira e marxes nos tramos nos que o leito do río quede oculto -parcial ou totalmente- pola maleza.

PODAS E ELIMINACIÓN DE ESPECIES INVASORAS

En ocasións, complementaranse os traballos con rareos ou podas en zonas con gran densidade de especies arbustivas, con crecemento e cruzamento cara ao leito, para evitar retención de arrastres de crecidas.

No río Nogueira vaise aplicar un procedemento para evitar a propagación da especie exótica invasora Acacia Dealbata, xa que se detectaron exemplares caídos ou inclinados sobre o canle. Neste caso, os desbroces reduciranse ao necesario para permitir o tránsito das augas e, ao mesmo tempo, manter as condicións de sombra que dificulten o desenvolvemento desta especie.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here