IniciosociedadeRibadeo presume de 1,4 millóns para gastos sociais nas contas e o...

Ribadeo presume de 1,4 millóns para gastos sociais nas contas e o PP aféalle a falta de axudas obtidas

O Concello destaca que se tratan duns orzamentos para 2020 "equilibrados", mentres que para os populares "falan moi mal" do executivo municipal

Publicada o

- Advertisement -

O orzamento do Concello de Ribadeo para 2020 ascenderá a máis de nove millóns de euros, segundo deu a coñecer este mércores o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. O presuposto irá a pleno a vindeira semana. O goberno local nacionalista remarca que “a partida destinada a investimentos sociais increméntase de xeito notable”, e argumenta que as contas “son equilibradas e cumpren coas esixencias normativas de límite de gasto, de estabilidade e de débeda”.

O edil de Economía explicou que presentou os orzamentos á oposición nunha comisión informativa. “Deles eu destacaría o incremento notable das partidas de gastos sociais, que en total suman máis de 1.400.000 euros para incrementar tamén o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes, que se ve aumentado en usuarios, en horas de atención e no custo por hora; para atender os gastos de mantemento da nova residencia de maiores e do asilo ou para as actividades sociais para persoas maiores, singularmente nas parroquias”, indica o concelleiro.

Vizoso remarca que nas contas “tamén se contempla a licitación do punto limpo e da recollida selectiva, a limpeza de inmobles do Concello, ou a telefonía, o que implica que este capítulo dos orzamentos se vexa incrementado case un 9% con respecto ao ano anterior”.

O edil dixo que “reservamos partidas para a adquisición de terreos e expropiacións para actuar sobre o desenvolvemento urbanístico en zonas da vila, tamén para a reposición e urbanización de rúas e espazos públicos, para infraestruturas deportivas e de ocio sobre todo para a xuventude e, por suposto, para os camiños municipais da vila e das parroquias”.

SIMPLIFICACIÓN DO PROCESO PARA OPTAR A SUBVENCIÓNS

O edil nacionalista subliñou que “se inclúe neste proxecto de orzamentos a simplificación do procedemento de optar a subvencións nominativas das asociacións culturais, sociais e deportivas para que se lles poida anticipar ata o 80% do importe concedido e teñan menos trámites á hora de xustificar as actividades subvencionadas”.

Vizoso engadiu que “no tocante á débeda do Concello hai que sinalar que segue a manterse en niveis moi reducidos, incluso moito menos que os límites permitidos legalmente. Poderíamos incluír no apartado de ingresos cantidades superiores procedentes de transferencias doutras administración e que estimamos se visualizarán durante este exercicio, pero consideramos que é mellor ser cautos, ser prudentes e incorporar estes importes cando se asinen os convenios coa Deputación de Lugo, coa Xunta de Galicia ou co Estado”.

O GOBERNO ESPERA “COLABORACIÓN”

Para o concelleiro de Economía ribadense, “aínda que nós xa acabamos de mover ficha coa presentación deste orzamento agora agardamos a estreita colaboración con outras administracións para poder levar a cabo parte destes proxectos e outros que se nos irán presentando ao longo do exercicio e do mandato”.

PP: OS ORZAMENTOS DEMOSTRAN “A PARÁLISE” DE RIBADEO

O grupo municipal do Partido Popular (PP) de Ribadeo lamenta “a mala xestión do goberno local do BNG” tal e como demostran, afirman os conservadores, “as inversións previstas para o exercicio 2020 na súa proposta de orzamento”. Así o sinala a concelleira Begoña Sanjurjo, que denuncia “a parálise do goberno de Fernando Suárez” que demostra que “non hai xestión de cara á procura de investimento por parte doutras administracións”.

Concretamente, a edil popular explica que “os investimentos previstos ascenden a 814.500 euros dos cales case 650.000 van ser custeados a través de préstamos facendo que a débeda do Concello aumente”. Do resto, apunta “35.000 euros son de Leasings e  80.000 asúmeos a Xunta para a redacción do PEPRICH. O Concello ten previsto aportar uns 980 euros”, engade.

Sanjurjo apunta tamén que “ler o anexo que inclúe os investimentos inicialmente previstos deprime a calquera” porque evidencia que “os que xestionan a administración local non son capaces de conseguir que ningunha administración invista no noso concello”. De feito, “a cifra prevista de investimentos por parte da Deputación e do Estado é de 0 euros nos dous casos”.

“Pola contra, si recollen o investimento que a Xunta destinará á redacción do PEPRICH. Volve a ser curioso que a administración que segundo Fernando Suárez é a culpable de todos os males dos ribadenses sexa a única que ten inversións previstas”, explica a popular.

ENDEBEDAMENTO DE CASE 1,4 MILLÓNS

Sanjurjo sinala tamén que “o endebedamento previsto para o ano 2020 fará que o noso Concello pase a ter una débeda total de case 1,4 millóns de euros. Segue sendo curioso que os que presumen de sanear as contas do Concello fagan medrar o montón dos cartos que debemos. Isto prodúcese por un traballo ineficaz para buscar financiamento procedente doutras administracións”.

Polo tanto, dende o grupo municipal conservador consideran que esta proposta que o equipo de goberno ribadense levará ao vindeiro pleno para a súa aprobación “fala moi mal do goberno do BNG”.

ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL

Pola súa banda, o alcalde, Fernando Suárez Barcia, contou que “outro dos puntos do pleno será a proposta de abrir unha nova convocatoria de subvencións para a rehabilitación de vivendas nos espazos da área de rehabilitación integral (ARI) de Ribadeo, que son o casco vello de Rinlo e o casco vello de Ribadeo. Dado que na convocatoria anterior quedou un diñeiro dispoñible, é unha mágoa ter que devolvérllelo á Xunta e máis ao Estado, polo tanto como aínda o prazo para facer estas rehabilitacións non remata ata novembro do ano 2021, segundo os técnicos temos tempo de abrir unha nova convocatoria con estes remanentes, con este diñeiro que quedou sen empregar, para que todos aqueles propietarios de inmobles poidan volver presentar proxectos de rehabilitación dos seus inmobles”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...