IniciosociedadeO comercio ribadense, sen acordo para reembolsar o diñeiro aos clientes que...

O comercio ribadense, sen acordo para reembolsar o diñeiro aos clientes que fagan devolucións

A proposta da directiva non acadou o respaldo maioritario na asamblea de Acisa e cada establecemento decidirá segundo o seu criterio

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo non alcanzou un acordo para que os asociados do colectivo manteñan unha política de devolucións común.

Na asemblea celebrada o pasado xoves debateuse a proposición da asociación de comerciantes, que propuña reembolsar o diñeiro a aqueles clientes que realizasen devolucións, tal e como fan as grandes cadeas comerciais ou as plataformas de Internet.

Segundo explicou Acisa a través dun comunicado, a proposta da presidencia sobre a política de devolucións xerou nos últimos días “debate” no sector do comercio ribadense. Francisco Iriarte, presidente do colectivo, explicou que “Ribadeo seguirá a actuar ao igual que o viña facendo ata o de agora. Cada un no seu negocio fará o que estime oportuno. Hai establecementos que en caso de producirse devolucións de produtos reintegrarán o seu importe ao cliente en metálico. Hai outros que entregarán vales por esas devolucións. E hainos que non aceptan devolucións. É dicir, que todo seguirá como ata o de agora”, resumiu.

Iriarte engade: “o que fixemos na asemblea xeral de onte foi lembrarlles aos nosos asociados e asociadas que só están obrigados a facer devolucións en efectivo se se trata dun produto defectuoso. E que a lei tamén obriga a devolver o custo dese artigo a aquelas empresas que venden a través de internet. Despois cada quen actuará como mellor considere para o seu negocio”, concluíu.

Desde Acisa sinalan que “o que faremos é tentar unificar a imaxe dos establecementos asociados a Acisa coa cartelería relativa á política de devolucións. O comercio de Ribadeo leva moitos anos sendo un referente en toda esta ampla comarca e seguirá traballando para seguir ofrecendo un trato exquisito á súa clientela”, argumentan.

BARRIOS MARIÑEIROS

Na asemblea xeral de Acisa tamén se anunciou a intención de promocionar Rinlo e o porto de Porcillán como barrios mariñeiros. Iriarte manifestou que “non se trata de adquirir propiedades ou arranxalas, tratase dunha proposta de promoción destes enclaves como puntos turísticos con entidade propia para ser visitados polo seu precioso entorno e en especial pola gastronomía dos establecementos que nesas zonas temos como asociados, co excelente produto mariñeiro e as súas elaboracións como protagonistas”.

PREMIO AO MÉRITO NO ASOCIACIONISMO

A agrupación vén de crear un novo premio ao mérito no asociacionismo. Neste 2020 vaino recibir a asociación local de loita contra o cancro. Será no transcurso da IX Gala que se celebrará o 21 de febreiro no hotel Voar. Alí será distinguido a título póstumo Pablo Vizoso Iglesias, ex presidente do colectivo empresarial. Tamén recibirán os seus premios os gañadores do Concurso de Decoración do pasado Nadal. Trátase de La Solana e Naná.

No tocante ao premio para o colectivo de loita contra o cancro, Iriarte expuxo que “de forma unánime considerouse que pola súa traxectoria no traballo asociativo e solidario, sendo un dos colectivos con maior relevancia en Ribadeo, polas actividades que realizan, a súa capacidade de convocatoria e a recadación que realizan para unha causa tan importante como a súa, sendo un referente en toda a provincia de Lugo, queremos recoñecer a labor da agrupación da AECC de Ribadeo”.

MÁIS DE 160 ASOCIADOS

Na asemblea foron aprobadas por unanimidade as contas do pasado ano 2019. Nese exercicio a asociación ingresou algo mais de 116.000 euros e gastou 124.000, tendo un resultado negativo de preto de 7.500 euros.

Dende a xerencia de Acisa, Jesús Pérez indicou que “este ano destacamos o noso esforzo por reducir o déficit da asociación pretendendo chegar ao obxectivo de cero déficit; dende o 2018 conseguimos reducilo en torno a 25.000 euros e ademais aumentando o numero de actividades que se realizan, o cal nos enorgullece. No tocante os gastos, investimos 71.000 euros na elaboración de campañas, 16.000 euros en vales ou premios para gastar nos establecementos asociados e 3.900 euros en colaboracións con outras entidades”, expuxo.

Tamén foi aprobado o presuposto do ano 2020 que dende Acisa esperan sexa superior aos 125.000 euros ao peche do presente exercicio.

Na asemblea tamén se informou do estado da asociación e das actividades previstas, “comezamos o ano con mais de 160 asociados e cunhas 30 actividades nas que traballar para este 2020”, segundo engadiu Pérez.

Na sesión informouse aos asistentes do calendario laboral, dos domingos e festivos de apertura para o comercio así como das ampliacións horarias de hostalería, neste último asunto facendo fincapé en que solo se poderán beneficiar delas os asociados e asociadas de Acisa.

ELECCIÓNS O 27 DE FEBREIRO

Nesta xuntanza tamén se procedeu á convocatoria de eleccións. Jesús Pérez contou que “segundo indican os estatutos convócanse eleccións para celebrarse o 27 de febreiro en asemblea extraordinaria. As candidaturas deberan estar presentadas antes do dia 21 de febreiro”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...