O comercio de Foz, Viveiro e Sargadelos axita San Valentín con tapas, concursos e un mercado

Doce establecementos e tres pastelerías focegas ofrecerán receitas con chocolate, fresas ou ostras os días 14, 15 e 16 de febreiro; o CCHV ofrecerá unha escapada romántica

Presentación da Festa da Cociña Afrodisíaca. AXM

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz organiza a décima edición da Festa da Cociña Afrodisíaca, os días 14, 15 e 16 deste mes. Unha ducia de locais hostaleiros ofrecerán tapas ao prezo de 1,5 euros. Entre as propostas que poderemos atopar non faltarán ostras, fresas, chocolate, algas, aguacate ou améndoas, entre outras. Os locais participantes son: A Ribeira, A Funcional, O Lar, Cafetería Mayros, Xoyma, Anduriña, Portochico, Casa Damián, Tangarte Mariñeiro, Tangarte Mesón, Brasas e Hotel Oca.

As tapas afrodisíacas foron presentadas por Moncho Castro, de Anduriña; Ángeles Piñeiro, de Xoyma; e Rubén Rodríguez, de Tangarte.

E tamén haberá doces afrodisíacos en Foz do 13 ao 16 de febreiro, que elaborarán as pastelerías Amarena, Anduriña e Xoyma e que venderán ao prezo de dous euros. A presentación neste caso correu a cargo de Ángeles Casas, de Amarena.

Por outra banda, moitos establecementos hostaleiros contarán con menús especiais para celebrar San Valentín ás comidas e ás cenas.

CAMPAÑA CON 500 EUROS EN PREMIOS

A Festa da Cociña Afrodisíaca enmárcase na campaña de San Valentín de ACIA/CCA de Foz, que sorteará 500 euros en premios. Na cita participan un total de 77 comercios e as persoas que realicen as súas compras neses establecementos recibirán papeletas para entrar no sorteo, que se celebrará o 17 de febreiro (luns), a través de Radio Foz. Os premios consistirán nun vale de compra de 200 euros e outros seis de 50 euros cada un.

“NAMORARSE” DO COMERCIO LOCAL

Baixo o lema “Namórate do comercio local” a asociación de comerciantes Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) pon en marcha a partir do 7 de Febreiro a campaña de San Valentín 2020.

Colocaranse nas entradas dos negocios asociados máis de 400 globos en forma de corazón, para que decoren as portas e os escaparates. Trátase “dunha campaña moi visual para recordar que un pequeno agasallo pódese converter nun gran detalle”, precisa o colectivo.

Campaña de San Valentín en Viveiro. AXM

Ademais, colocaranse tres photocall de corazóns, un na avenida de Cervantes, outro na Praza da Fontenova e outro na Praza de Lugo, para que a xente se saque fotos divertidas e amorosas e as suba ás redes sociais do CCHV baixo o cancelo #namóratedocomerciolocal. A agrupación sorteará unha escapada romántica no Thalasso Cantábrico Las Sirenas, que inclúe aloxamento con almorzo, circuíto Spa, tratamento e cea no restaurante panorámico.

A finalidade deste concurso é a promoción a través das redes sociais Facebook, Twitter e Instagram da campaña de San Valentín de Viveiro, e potenciar a compra no comercio local. A foto gañadora será elexida por un xurado e terase en conta para a valoración que sexa unha foto orixinal, romántica e divertida.

O concurso comeza o 7 de febreiro de 2020 e rematará o 16 de febreiro, ás 22.00 horas. As imaxes publicadas a partir desa data non se contabilizarán dentro do concurso. A fotografía gañadora publicarase o día 17. Máis información na web.

O CENTRO DE EMPRENDEMENTO, DINAMIZADOR

O sábado 15 de febreiro, a sala de exposicións do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos acollerá un “Mercado con Amore“, organizado por Serea Surfboards, Enigma, Pasiños na Lúa e Marmeladas A Morenaestablecementos todos eles implantados nos locais do Centro de Emprendemento acondicionado polo Concello de Cervo-.

Cartel do Mercado “con amore”, en Sargadelos. AXM

Instalaranse unha trintena de postos de artesanía, do sector alimentario, de confección ou do sector téxtil, que se poderán visitar en horario de 10.00 a 20.00 horas.

Mercado en Sargadelos. AXM

 

Ademais haberá sorteos e diferentes talleres.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here