Promover o produto local e aumentar os servizos conxuntos, obxectivos de Cajoto á fronte da Mancomunidade

O alcalde de Foz releva na presidencia a Alfredo Llano, que pide "máis protagonismo, capacidade económica e de xestión" para a agrupación de municipios da Mariña

Fran Cajoto. AXM

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, é o novo presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, tras ser elixido no pleno celebrado na tarde do pasado martes en Burela. Cajoto afronta con ilusión esta nova responsabilidade, destaca o traballo realizado polo seu predecesor, Alfredo Llano, e asegura que entre os obxectivos que se marca están consolidar A Mariña como xeodestino turístico así como promocionar a súa gastronomía e o seu produto local, entre outras potencialidades.

O novo presidente da Mancomunidade dixo que afronta “con moita ilusión” esta etapa: “é un orgullo que os meus compañeiros alcaldes e concelleiros socialistas pensasen en min para a presidencia”.

A MARIÑA, “CIDADE LINEAL”

Cajoto quixo poñer en valor “o gran labor que fixo Alfredo Llano estes anos ao fronte de toda A Mariña, sempre traballando para promocionar o turismo e tamén para as compras conxuntas e servizos comúns, que sempre abaratan o custo”.

Entre os obxectivos que se marca Cajoto na Mancomunidade: “eu pretendo, en coordinación con todas as alcaldías, apostar por eses proxectos xa iniciados e intentar darlle un pulo máis para converter A Mariña nese xeodestino turístico que todos esperamos, que nos permita non só atraer a máis visitantes senón mellorar a calidade do turismo que chega á nosa comarca. E sempre en coordinación cos alcaldes e alcaldesas gustaríame explorar a posibilidade de aumentar os contratos ou servizos conxuntos para optimizar a xestión e abaratar os seus custos. A Mariña é unha cidade lineal de 72.000 habitantes, na que temos que pensar sempre como un conxunto”, argumenta.

A BISBARRA “PÓDESE COÑECER MOITO MÁIS” NO RESTO DO ESTADO

O presidente da entidade engadiu que “a Mancomunidade conta con moi bos técnicos e en coordinación con eles veremos as posibilidades para apostar forte por aqueles atractivos que nos definen máis: a gastronomía e o produto local, para poñelo en valor. A min tocoume traballar fóra e a verdade é que A Mariña aínda se pode coñecer moito máis no resto de España. É unha pena porque o potencial que temos aquí é enorme. Temos costa, temos interior e moito que o ofrecer; o que temos que facer é intentar promocionalo para que todo o mundo nos coñeza”, conclúe.

LLANO VE O TREN

Pola súa banda, o presidente saínte, Alfredo Llano, dixo que “penso que debemos insistir en que esta institución sexa moito máis grande. Agora mesmo non ten capacidade económica e tampouco ten capacidade de xestión. Creo que sería moi necesario que as Mancomunidades, tanto a da Mariña como calquera outra, tivesen un protagonismo supramunicipal. Queremos que tamén se notara en cuestión como as infraestruturas e os servizos. Estamos loitando e penso que o imos seguir facendo con respecto por exemplo aos autobuses. Andamos agora co tema do tren, que é algo que a min persoalmente me preocupa porque creo que hai que defender ese servizo público como algo moi necesario e moi importante, e no que hai que seguir insistindo”, sostivo.

SERVIZO COMÚN PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS

Para Llano “temos que buscar tamén fórmulas para atraer xente a investir á Mariña, polo tanto temos que traballar ben coordinados coas Acias, coa FCAM. Hai algo que estamos a facer, que estivemos falando, que a min me parece fundamental, que é a recollida de residuos orgánicos. Agora vai ser unha obriga en todos os Concellos, recoller por separado os residuos orgánicos do resto. Pensábamos que sería unha boa idea que os 16 Concellos que conformamos A Mariña tivesen un servizo común para a recollida destes residuos, e incluso que puidesen ser tratados eses residuos na nosa comarca”, sinalou.

Llano fixo balance dos catro anos que pasou á fronte da Mancomunidade: “gañamos dous concursos relacionados coa violencia de xénero; tamén fomos finalistas cunha ruta de artesanía, non logramos o premio pero si o recoñecemento, e ampliamos agora estas rutas. Agrandamos as posibilidades turísticas nos concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro con audioguías que non había e agora vese que funcionan. Penso que nestes catro anos fixemos o que puidemos dentro das nosas posibilidades, pero dalgún xeito creo que se notou”, expuxo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here