Cervo, San Cibrao e San Román premiarán os mellores disfraces do Entroido

O Concello presentou a programación do Carnaval no municipio, onde haberá tres desfiles cos seus correspondentes certames, os días 23, 25 e 29 de febreiro

Presentación da programación do Entroido. AXM

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, e outros membros da corporación municipal presentaron este pasado martes a programación do Concello para este Entroido xunto cos representantes das asociacións  Airiños do Xunco, Veciños de Lieiro, A Rebolaxe, Mulleres Rurais As Espalladoras, Alborada e CIT San Ciprián.

Os actos comezan coa Cena de Comadres organizada pola Asociación Alborada o vindeiro xoves 20 na Terrada O Noso Lar.

CERTAME DE CERVO

O Desfile de Entroido de Cervo terá lugar o domingo 23 de Febreiro. As inscricións estarán a disposición dos participantes de 17.00 a 18.00 horas no pavillón de Cervo, de onde sairá a comitiva que será amenizada por unha charanga. Ao remate haberá un espectáculo e a  entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas. Os premios serán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de entroido. Para máis información os interesados poden chamar aos teléfonos 617.31.32.07 ou 982.55.76.13.

O luns 24 celebrarase a Festa Infantil de Entroido organizada polo Concello de Cervo na Praza dos Campos a partir das 17.30 horas.

CONCURSO DE SAN CIBRAO

O martes 25 levarase a cabo a Comida de Entroido organizada polo CIT San Ciprián no Restaurante Buenavista ás 14.00 horas.

A continuación terá lugar o desfile de Entroido de San Cibrao, a partir das 18.00 horas, con saída na Praza dos Campos. O Concello disporá 2.280 euros en premios aos mellores disfraces e comparsas, ademais de vales de consumición nos locais de hostalería colaboradores para os participantes. Ao remate haberá música e venda de bolos preñados a cargo de A Rebolaxe.

INSCRICIÓNS

As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na casa da cultura de San Cibrao, chamando ao 982.59.51.57, en horario de mañá e ata o venres 21 de Febreiro incluído; e recibirán vales consumición para os establecementos hostaleiros locais.

Aceptaranse inscricións ata o luns 24 e ese mesmo día na Praza dos Campos, dende as 16.00 ata as 17.30 horas; pero sen dereito a vales.. Os premios entregaranse na Praza dos Campos ás 21.30 horas; todos os gañadores terán que recollelo co disfrace posto.

BAILE DE ENTROIDO

O venres 28 de Febreiro, como novidade, celebrarase o Baile de Entroido co grupo ÉPO-K organizado pola Asociación de Veciños de Lieiro. Haberá tamén unha chocolatada para os asistentes. A entrada é de balde.

SAN ROMÁN PECHARÁ O PROGRAMA

O sábado 29 péchase a semana de Entroido no Concello de Cervo  co desfile de Entroido de San Román organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras. Será a partir das 22.30 horas no pavillón e estará amenizado polo Grupo Fénix. Repartiranse máis de 1.500 euros en premios aos mellores disfraces. O teléfono para formalzar a inscrición é o 656.272.802.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here