Éche o que Hai exhibe disfraces de Entroido en Foz, onde Trump chama a participar no Touporroutou

Unha exposición compila no Cenima o material da peña desde o seu primeiro desfile; A Pomba do Arco anima á veciñanza a achegar coplas para facer o Carnaval "great again"

Inauguración da exposición. AXM

O programa do Entroido de Foz, que se abriu o pasado sábado coa cea de coroación de Andrea García Mondelo, seguiu o pasado venres coa inauguración dunha exposición sobre a peña Éche o que Hai.

A mostra, que contén os disfraces elaborados polo colectivo, un dos máis representativos do Entroido focego, estará aberta no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) ata o día 28 de febreiro.

A peña será a encargada de pronunciar o pregón, que se celebrará o venres, ás 20.00 horas na Sala Bahía.

Disfraces de Éche o Que Hai. AXM

“CRÓNICA SOCIAL” DO MUNICIPIO

Por outra banda, a Asociación Cultural A Pomba do Arco chamou á participación no Touporroutou, o espectáculo que correrá a cargo do grupo de teatro, das pandereteiras de Subela e do grupo de rock Os Quentaquis.

No evento, a base de música e humor, faise unha radiografía social e política tanto a nivel municipal como global, con esa retranca propia do Entroido. A Pomba do Arco convida a colaborar coa actividade e lembra que colocou diversas caixas en establecementos de Foz para que os interesados poidan depositar as súas coplas: Son “Anduriña”, “Cafetería May Ros”, “Ribeira”, “Bar Acuario”, “Muelle Bar”, “A Funcional”, “Lar”, “Pachán”, “Eskina” e “Barrilete”.

Cartel do Touporroutou. AXM

“O éxito e a continuidade do Touporroutou depende da participación veciñal polo que solicitamos dos focegos o seu apoio e a súa axuda, elaborando coplas e cantigas sobre os temas que consideren de interese, a fin de que esta actividade sexa realmente unha autentica crónica da vida social de Foz ao longo deste último ano”, expoñen.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here