O vento roza os 167 km/h en Viveiro nunha xornada de alerta laranxa e incidencias

A Mariña rexistrou os refachos máis fortes da xornada en Galicia e tamén as temperaturas máis altas, por riba dos 19ºC en Lourenzá, O Valadouro, Ribadeo ou o municipio viveirense

Ponte da Misericordia, en Viveiro. EFE

O vento rozou os 167 quilómetros por hora (km/h) en Viveiro nunha xornada na que A Mariña Lucense permanece desde as primeiras horas da mañá en alerta laranxa por fortes refachos de aire do suroeste.

A estación da rede de Meteogalicia en Viveiro, Penedo do Galo, rexistrou ás 10.10 horas un refacho de 166,7 km/h. Na Pontenova, rexistráronse refachos de 123,5 Km/h. Agárdase que a situación se manteña ata media tarde.

O aire provocou caída de árbores e ramas á vía en San Martiño (Foz) ou Ribadeo, así como o desprendemento de chapas de edificios na vila focega ou Viveiro. En Mondoñedo, o vento levantou unha parte da estrutura do tellado do centro de saúde.

A bisbarra tamén padeceu a temperatura máis alta do que vai de xornada, con 19,8 graos centígrados rexistrados en Lourenzá. Ribadeo (19,4º C) e O Valadouro e Viveiro (19,2º C) seguiron á localidade laurentina nos valores máis extremos.

ONDAS DE ATA SETE METROS

Tamén hai advertencia de nivel laranxa por temporal costeiro na bisbarra, cun prognóstico de mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata seis metros, que poderían alcanzar os sete conforme chegue a noite.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here