Llano rexeita unha mala xestión tras percibir o PP “desleixo” no uso dos cartos públicos

Os conservadores sumáronse as críticas do BNG no tocante ao gasto en cultura e educación; o alcalde ve "normal" o recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de facturas

O alcalde de Burela, Alfredo Llano. AXM

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegurou que o recoñecemento extraxudicial de crédito de 87.000 euros aprobado na sesión do pasado xoves, para pagar facturas correspondentes aos anos 2018 e 2019, e “parte da actividade normal dos Concellos”, despois de o Partido Popular (PP) se sumase ás críticas do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que censurou o “gasto sen control” do goberno municipal nas áreas “de educación e cultura”.

O PP burelao cualificou de “desleixo inaceptable” a maneira de “empregar os cartos públicos” da delegación municipal de cultura, situación que os conservadores atribúen tanto ao edil socialista responsable da área, José Díaz, como ao rexedor.

O grupo municipal popular resalta que entre as facturas atrasadas “hai dúas que superan os 18.000 euros, polo que é posible que incumpran o estipulado na Lei de Contratos das Administracións Públicas, é dicir, exceden do importe máximo fixado para un contrato menor e polo tanto os servizos prestados con cargo a esas facturas terían que ser obxecto dun procedemento aberto”.

“SITUACIÓN ILEGAL” NA ESCOLA DE MÚSICA

O voceiro dos conservadores, Manuel Rouco, advirte de que, malia que hai “facturas de bares e restaurantes, por un importe duns 1.200 euros, sen pagar, o máis grave está acontecendo coa Escola de Música”. Neste sentido, o PP burelao alerta de que “hai catro recibos dos últimos meses que ascenden a case 19.000 euros, presentadas por unha mesma persoa, e referidas a actividades do centro. Estas facturas non teñen ningún contrato que as sustente, e polo tanto estamos ante unha situación ilegal”, insiste.

Rouco asegura que, no informe de Intervención, “que non ten desperdicio”, faise constar que hai polo menos dous documentos que contan coa sinatura do alcalde “nos que se avala dalgún xeito este tipo de actuación”. Asemade, prosegue, existe outro conxunto de Secretaría e Intervención do 30 de xaneiro pasado advertindo das “irregularidades” e facendo constar as mesmas.

Tanto é así, afirma o voceiro dos conservadores burelaos, que afirman “que se está incumprindo a actual Relación de Postos de Traballo (RPT) en vigor, a aprobada en 2006 polo PP, o que pon de manifesto, sinala, “a falta de visión de Llano, xa que en catro anos non foi capaz de facer unha nova RPT”. O Partido Popular burelao critica que o Concello “non foi nin capaz de ordenar os procedementos administrativos de contratación para atender a Escola de Música”.

O ALCALDE: “FANO TODOS OS CONCELLOS”

Pola súa banda, Llano negou “desfeita algunha” na xestión económica e sostivo que os recoñecementos extraxudiciais de crédito son mecanismos “que empregan todos os Concellos para facer fronte a facturas que non entraron no rexistro en decembro de 2019 ou a algunhas, que por diversos motivos, variaron o seu importe”.

“Péchase o orzamento de todos os Concellos o 31 de decembro e resulta que hai moitas facturas que non chegan no seu momento, que veñen ao ano seguinte, hai outras que superan a partida que se tiña para efectuar eses pagos concretos de determinados servizos ou e polo tanto hai que recoñecelas”, argumentou, para engadir que os recoñecementos extraxudiciais de crédito son “instrumentos necesarios”.

INFORMES DE INTERVENCIÓN

O BNG criticara que no ano 2019 os servizos técnicos municipais emitiron 19 informes de intervención. “As Intervencións fan os reparos correspondentes porque dalgunha forma non se corresponden coa normalidade orzamentaria. Por exemplo se hai que pagar unha factura, por traballos recoñecidos, loxicamente, que supera unha determinada cantidade que xa non se pode recoller polo que había previsto, evidentemente ten que pagarse, pero hai que recoñecela con respecto ao orzamento do ano seguinte”, afirmou Llano, que insistiu en que “isto é algo normal, e por tanto non é que existan desfeitas nin que se fixeran as cousas mal no Concello senón que isto é un instrumento que utilizan todos os Concellos necesariamente porque son recoñecementos de traballos, de servizos, de materiais, que hai que facer dunha maneira ou doutra”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here